Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Despois de atacar na ascensión

Mosquera foi oitavo na etapa raíña da 'Vuelta a Murcia'

Na loita pola vitoria entre a ducia de corredores que se xuntou no descenso en cabeza de carreira prevaleceu a experiencia de Rubiera (Astana).

Redacción - 11:21 06/03/2008

Por causa do vento, os ciclistas tomaron a decisión de facer os primeiros trinta quilómetros, ata a ascensión ao alto de Ricote, a ritmo tranquilo para non correr riscos innecesarios. No descenso do porto saltou do pelotón o ciclista do Karpin Galicia Gustavo Domínguez, en compañía de Redondo (Andalucía-Cajasur) e Azanza (Contentpolis-Murcia). O trío, que chegou a contar cunha vantaxe máxima de catro minutos e medio, foi neutralizado ao pé do alto de Espuña, despois de ter cuberto uns cincuenta quilómetros en fuga.

Mosquera, un dos corredores máis fortes da rolda

A ascensión encadeada dos portos de Espuña e Collado Bermejo deixou en cabeza unha selección dos corredores máis fortes da carreira, con Contador, Valverde, Garzelli e Ezequiel Mosquera, entre outros.

O galego, ao igual que o seu compañeiro de equipo Mayoz, estivera con problemas de gastroenterites durante a noite anterior, pero aínda así, a uns catro quilómetros do cume de Collado Bermejo, lanzou un ataque para marcharse en solitario e reducir o grupo perseguidor a só cinco unidades. O quinteto deu caza ao ciclista do KGZ a piques de coroar o porto e, no longo descenso até a meta en Totana, outros seis corredores enlazarían coa cabeza para formar o grupo de doce unidades que se disputou a etapa e o liderado, recaendo en Rubiera e Aitor Pérez, respectivamente.

Na xeral, Ezequiel Mosquera é noveno, a seis segundos do líder. Esta quinta feira dispútase a terceira etapa entre as localidades da costa mediterránea de Puerto Lumbreras e San Pedro del Pinatar, de 146 quilómetros.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: