Amnistía Internacional pediu aos gobernos de todo o mundo que tomen medidas para poñer fin á violencia contra as nenas.
"As nenas son vítimas de fustrigación, acoso sexual e abusos nas escolas de todo o mundo", segundo afirma Amnistía Internacional. Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a organización pediu aos gobernos e ás autoridades escolares de todo o mundo que poñan medidas concretas para erradicar definitivamente a violencia contra as nenas, sobre todo nas escolas.
Dende AI puxeron en marcha un novo proxecto web no que solicitan ao Representante Especial de Nacións Unidas sobre violencia contra a Infancia que cumpran cunha serie de puntos para erradicar a violencia infantil. A través da páxina www.actuaconamnistia.org, son moitos os centros galegos integrantes da "Rede de Escolas polos Dereitos Humanos", os que se sumaron a esta iniciativa.
A raíz do informe Escolas seguras: O dereito de cada nena, AI mostra que a violencia segue a estar presente en moitas institucións educativas. En moitas partes do mundo as nenas reciben golpes chamados "disciplinarios", poden ser agredidas sexualmente, acosadas ao saír da escola ou incluso ameazadas por agresións sexuais de outros estudantes ou incluso profesores.
Acabar coa violencia nas aulas
Amnistía Internacional sinala seis puntos que as autoridades deben seguir para rematar coa violencia sobre as nenas nas aulas:
- Prohibir toda forma de violencia contra as nenas mediante leis que prohiban os castigos corporais.
- Elaborar plans de acción nacional para crear un ambiente seguro para as nenas.
- Responder aos incidentes de violencia contra as nenas mediante a elaboración de informes confidenciais e independentes, investigacións, enxuízamentos e servizos para vítimas e sobrevivintes.
- Promocionar servizos de apoio ás nenas que foron vítimas de violencia.
- Derrubar as barreiras que impidan o acceso das nenas á educación.
- Protexer as nenas dos abusos mediante a formación do persoal educativo en materia de estratexias.