Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Só o 10% consegue praza fixa

A realidade de nove de cada dez investigadores: ou "tirar a toalla" ou "bolseiro eterno"

O colectivo Precarios Galicia considera que "nin se motiva a xente a investigar" nin se recoñece o traballo que desenvolven.

Redacción / Europa Press - 12:30 19/03/2008

"A investigación é a ovella negra da Universidade", afirma o voceiro de Precarios Galicia, Jorge Pérez Maceira, quen lle atribúe esta situación á "falta dunha carreira estruturada" e de "mecanismos de control para o persoal investigador". Maceira comenta como exemplo o feito de que a promoción na propia universidade "ten en conta máis a docencia e a xestión que a actividade investigadora".

Segundo explica, un dos problemas que lle afecta a este persoal investigador é a precariedade económica e o feito de que "dependen case completamente de bolsas", tendo en conta que "só un número reducido ten unha praza fixa". Así, explicou que "nun mesmo centro de investigación pode haber ata 20 tipos de bolseiros diferentes", dependendo do organismo (público ou privado) que lle concedera esa bolsa.

Sen dereito a médico nin a vacacións
Estas condicións de traballo provocarían a existencia de diferenzas entre o persoal, xa que mesmo hai investigadores que non están avalados por ningunha bolsa, e que "só teñen dereito a pedir libros, porque non teñen servizo médico, nin prazas de parking, prevención de riscos laborais ou vacacións", como outros compañeiros.

Nese sentido, Precarios Galicia tamén subliñou que as contratacións de persoal investigador se realizan "cando xa levan como mínimo dous anos desenvolvendo o seu traballo". A estes problemas súmase o feito de que a contía bolsas oscila entre os 600 e os 1.000 euros mensuais, moi por baixo dos soldos existentes no treito postdoutoral, que adoita estar entre os 1.500 e 2.000 euros, aínda que quen chegue a gañar iso ten que pasar antes moitos anos "traballando en condicións moi precarias".

A maioría quedan no camiño
Só un 10% dos licenciados universitarios que deciden iniciar unha carreira investigadora en Galiza conseguen completar ese proceso coa consecución dunha praza fixa, mentres que o resto "tira a toalla" ou debe perpetuar a súa actividade dependendo de bolsas.

Segundo os datos facilitados polo responsábel de Precarios Galicia, Jorge Pérez Maceira, esta circunstancia resúmese na confluencia de varios factores: falta de investimento público, ausencia dunha carreira investigadora como tal, ou escaseza de recursos tecnolóxicos e de persoal especializado no uso de determinadas tecnoloxías.

Ao respecto da situación dos investigadores galegos, que superan os 3.000, aínda que segundo Pérez Maceira é unha cifra "inexacta", Precarios Galicia denuncia que "non só se non motiva a xente para que investigue, senón que non hai recoñecemento ao traballo que desenvolven".


4,71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: