Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FEIRA DO LIBRO, DO 5 AO 13 DE ABRIL

A Alameda de Compostela énchese de palabras

Os libreiros outórganlle o 'Premio Irmandade' ao mellor autor do ano a Xosé María Álvarez Cáccamo.

Redacción - 10:33 05/04/2008

Será unha feira do libro algo distinta á de anos anteriores: haberá menos expositores (16, por vinte no pasado ano) e adiantará as súas datas de maio até abril, para evitar coincidir coas Festas da Ascensión. O que non cambia é a localización da Feira, que de novo ocupará o paseo central da Alameda.

Nunha certa sensación de crise, e algunhas críticas sobre a ausencia de ideas novas para dinamizar o encontro, o que é certo é que a feira será escenario de interesantes presentacións, como por exemplo a de Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado, na que intervirán Víctor Freixanes e Manuel Rivas (mércores 9) ou a de dous novos títulos da colección Árbore Os Duros: Os ourizos cachos e o gran río gris, de Rosa Aneiros, e Un raton na casa, de Helena Villar Janeiro (venres 11). Tamén pasarán pola Feira Chisco Fernández Naval, Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Teresa Moure ou Antón Dobao.

Entre as citas máis interesantes dos oito días que durará a feira, destaca a mesa redonda sobre o teatro galego, o luns 7, na que participarán Rubén Ruibal, Paula Carballeira, Miguel Vázquez Freire, Belén López Vázquez e Cándido Pazó. Despois da Feira do Libro de Santiago, chegarán as de Lalín e Ferrol (en abril) e Lugo (en maio).

Premio Irmandade do Libro
En paralelo, anunciáronse este venres os candidatos que optarán ao Premio Irmandade do Libro, entregado pola Federación de Libreiros de Galicia, que se entregarán o 12 de abril en Sanxenxo. Tamén se anunciou o gañador do galardón máis importante, o de 'autor do ano', que nesta ocasión recoñecerá a obra e a traxectoria de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Nas restantes modalidades, o Xurado acordou proclamar os seguintes finalistas: IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo, e IES de Sanxenxo (Centros de Ensino). Suplementos culturais e pedagóxicos de Faro de Vigo e Protexta. Suplemento de libros da revista Tempos Novos (Medios de Comunicación e Novas Tecnoloxías).

En canto á categoría de mellor obra editorial, os finalistas son De provincia a nación. Historia do galeguismo político, de Xusto Beramendi (Xerais), Cento vintecinco anos de teatro galego. 1882-2007, de Manuel F. Vieites (Galaxia), e Guía dos mamíferos, Juan I. Díaz da Silva e Yosy Cartelle (Baía Edicións). Polo premio Libro do ano 2007 competirán Pintor por Italia, de Correa Corredoira (Baía Edicións), O señor Lugrís e a Negra Sombra, de Luis Rey Núñez (Xerais), e Made in Galiza, de Sechu Sende (Galaxia).

O premio ás institucións estará entre o PEN Clube de Galicia, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e a Biblioteca Municipal da Illa de Arousa. Finalmente, a Abraxas (Santiago), Trama (Lugo), e Andel do Libro Galego e Portugués (Vigo), disputarán o premio á mellor libraría.


Documentos

3,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: