Serán xulgadas 36 persoas, acusadas de cometer crimes de discriminación racial, posesión ilegal de armas e distribución de propaganda nazi, entre outros delitos.
Son 36 persoas as que van sentar, dende esta terza feira, nos bancos do Tribunal de Monsanto, en Lisboa; comeza o xuízo contra a cara máis visíbel da extrema dereita portuguesa, e, segundo o goberno, tamén a máis violenta, aínda que non a única.
Estas persoas están acusadas de cometer crimes xenófobos, de posesión ilegal de armas e de distribución de propaganda nazi, entre outros delitos, e foron detidos en setembro do ano pasado, nunha operación conxunta da PSP e a GNR, dirixida polos investigadores da Direcção Central de Combate ao Banditismo (DCCB) da Polícia Judiciária (PJ) portuguesa.
De entre todos os acusados nesta operación, o máis mediático foi Mário Machado, membro da Frente Nacional e membro do colectivo ultradereitista Portugal Hammerskin (o chamado Capítulo Portugués da organización internacional fascista Hammerskin Nation) que, naquela altura saíra na televisión portuguesa asegurando que todos os nacionalistas posuían armas e que as debían empregar para defender os seus ideais.
As declaracións de Machado (que, polo de agora, é o único membro desta organización que está no cárcere) emitíronse após coñecerse os detalles da operación policial, na que foran rexistrados, polo menos, 60 domicilios privados, nos que se atoparan 15 armas de fogo, milleiros de municións de calibres diversos, explosivos, coitelos e navallas, aerosois para facer pintadas e unha chea de propaganda nazi. Tamén se atoparan paquetes con esteroides, que os investigadores consideran eran vendidos pola organización, ademais de reservados para consumo propio.
Unha operación aberta de abril a setembro de 2007
Trátase dunha operación sen precedentes en Portugal que mantivo á opinión pública atenta durante meses. De feito, esta terza feira a prensa portuguesa lembraba o caso, salientando algúns detalles dos xulgamentos e recollendo as declaracións de defensa de Mário Machado, quen dixo que o proceso contra estes elementos de extrema dereita ten "contidos políticos" e que tropeza "cos dereitos, liberdades e garantías dos cidadáns".
O nacemento de Portugal Hammerskin
Segundo a Polícia Judiciária, a organización Portugal Hammerskin foi creada ao se extinguiren outras estruturas previas e embrionarias que xurdiran en Portugal nas décadas dos 80 e 90. Tamén segundo a PJ, esta organización "atravesaba actualmente un período de crecemento, expansión e proxección interna, beneficiándose de apoios e do patrocinio de movementos europeos similares, de harmonía cunha estratexia de radicalización e confrontación social".
Para desmantelar esta organización investigáronse os mecanismos de difusión de imaxe e discursos con carácter racista, xenófobo e anti-semita que ían aparecendo nos medios de comunicación, sobre todo electrónicos. Tamén se investigou en varios concertos musicais, encontros, concentracións e manifestacións nos que se apelaba á violencia inter-étnica e nos que se tiña como albos, tamén, aos movementos anti-racistas en xeral.
Neste tempo, os movementos neonazis portugueses mesmo chegaron a armar unha campaña contra a xuíza Cândida Vilar, procuradora do Departamento de Investigação e Acção Penal de Lisboa, responsábel, á que facían responsábel da situación de prisión decretada a Mário Machado. Vilar foi obrigada a requirir protección policial, após ter aparecido na rede mensaxes dirixidas contra a súa persoa á que chamaban "diabo con saias".
Na actualidade varias zonas do país veciño, alén Lisboa, onde actúan os grupos de skinheads de ultradereita (como Porto) están a ser controladas polos Serviços de Informações e Segurança (SIS).