Dende xaneiro morreron dezasete, un 70% máis ca en 2007. A cifra reaxiu tras as manifestacións das organizacións de traballadores contra os paramilitares.
O presidente de Estados Unidos, George Bush, enviou ao congreso o Tratado de Libre Comercio (TLC) con Colombia para ser ratificado, malia que a cámara conta con maioría dos demócratas, partido oposto ao acordo.
As violacións dos dereitos humanos e sindicais son as principais razóns polas que se opoñen á tramitación parlamentaria do TLC, e que levou a Cámara de Representantes estadounidense a 'conxelar' o seu estudo.
Aínda que a situación non é nova, houbo un agudizado incremento no número de mortes violentas no primeiro trimestre de 2008, 17 en total, o que supón un 70% máis ca no mesmo período do ano pasado, segundo a Escola Nacional Sindical (ENS).
Manifestación contra os paramilitares
Do total de vítimas, nove eran dirixentes; trece estaban agrupados na Central Unitaria de Traballadores (CUT, a máis grande do país) e tres na Confederación Xeral do Traballo (CGT), e un outro era membro dun sindicato non confederado.
Os asasinados en marzo tiñan en común, ademais da súa condición de sindicalistas, que participación na marcha contra os paramilitares e contra a violencia realizada o día 6 dese mes.
O goberno colombiano estabeleceu recentemente un programa de recompensas para quen ofreza informes sobre os responsábeis dos crimes, algo que segundo a ENS, responde ao seu afán por lograr que Congreso de Washington aprobe o TLC asinado con Estados Unidos.
'Parapolítica'
Por outra banda, o pasado 3 de abril un grupo de 26 parlamentarios europeos solicitoulle ao presidente colombiano, Álvaro Uribe, que garantise a seguridade dos líderes sociais, e amosou a súa preocupación pola situación.
A situación vénse a sumar ao escándalo da 'parapolítica' en Colombia, é dicir, a vinculación de políticos colombianos cos grupos paramilitares. Dos 268 lexisladores que conforman as dúas Cámaras, máis dunha cuarta parte está a ser investigada por este motivo.