Coincidindo coa cita olímpica en Beijing, e as protestas contra ela, florecen nas nosas cidades mostras de arte producido en China. Que sucederá a partires de setembro?
Sigg coleccionista, China de moda.
Uli Sigg, suízo, foi o primeiro europeo que se instala en China (ano 1979) para pór a andar a primeira empresa occidental-chinesa. Logo se fai coleccionista até ser hoxe propietario de máis de 2.000 pezas de arte feito en China. Unha proba da importancia do Sr. Sigg dentro dos circuítos artísticos do xigante asiático vén sendo a obra de Ai Weiwei "Lector de Xornal (Uli Sigg)", 2004, que é un retrato escultórico tamaño natural do coleccionista e feito polo artista que se considera o máis influínte de China na actualidade. A obra está na Fundació Miró.
Na Fundació Miró móstranse oitenta obras da colección Sigg, feitas por 51 artistas, entre 1986 e 2007. Trátase, por tanto, dunha mostra da arte máis actual. A mostra é diversa nos formatos e disciplinas; hai pinturas, esculturas, fotografías, instalacións e vídeos.
Hai en España varias exposicións de arte chinés. China é ese xigante humano e económico que espertou e, paralelamente ao seguimento que se fai das súas fazañas económicas, todo se nos vai en mirar para a súa arte. A ese argumento hai que engadir a efemérides que representa a celebración dos xogos olímpicos. A realidade é que creadores que hai poucos anos malvivían en ghettos de cidades chinesas, hoxe están nas nóminas dos máis cotizados nas grandes galerías de poxas europeas e americanas. Así se explica que Yue Minjun sexa un dos artistas vivos máis caros, e que o ano pasado vendese, en Sotheby's de Londres, unha obra por máis de seis millóns de dólares.
A Curta Marcha.
Desde que rematou a dita Revolución Cultural, e aínda máis a partires da salvaxe represión das autoridades na praza de Tiananmen (1989), os artistas dese país, no exilio ou nos ghettos que a censura e a represión lles deixaban, fixeron unha viaxe artística en escasos trinta anos que corresponde a todo o século XX occidental. Exercitaron a copia da arte occidental, das vangardas, pero sempre indo máis aló: adaptando, facendo revisións críticas, analizando e propondo desde a súa realidade social.
Esta acelerada viaxe faise no medio das contradicións da sociedade chinesa (apertura ao capitalismo e ditadura comunista), e no medio da vertixe que produce o consumismo, o capitalismo salvaxe e a represión. Todo xunto. A modernidade e a tradición, a censura e a invasión consumista. Nesta carreira atolada, os creadores foxen do realismo socialista (a arte oficial do réxime) e crean movementos tales como o Pop Político, e o Realismo Cínico, entre outras respostas á represión e ao control ideolóxico.
A realidade hoxe é así: ábrense galerías de arte autóctonas e mais sucursais das occidentais, hai permisividade, promoción pública dos artistas... Todo iso, sempre e cando non se toquen "algúns temas". Será o Tíbet un dos temas tabú? A crítica aos políticos, a sexualidade explícita non se permiten; en troques fanse performances con cadáveres humanos, con fetos, con animais... Iso si o permite o señor censor.
Da ironía á critica feroz.
Para fuxir da sombra do "gran temoneiro" que foi Mao (ver a obra “Yin Zhaoyang e Mao”, 2003) e seguir aos novos ricos e especuladores da sociedade actual, os creadores reaccionan coa crítica, xa aberta e escarnecida, xa refuxiada nas versións irónicas. O tema fundamental é a persoa (individual ou colectiva): teimas, éxitos, mágoas.
Na Fundació Miró pódese ver unha peza de Ai Weiwei, artista, arquitecto e editor, que agrede a santa tradición chinesa chantándolle a unha urna da dinastía Han o logotipo da Coca-cola. Non é o único ataque ao pasado. Yue Minjun rise a cachón dos "guerreiros de Xi'an" na instalación 2.000 a. C. (2000): 25 autorretratos en plena gargallada (histeria ou auto-compracencia?).
Do Por Art, os chinos chegan ao Pop Político. A parte da obra de Yu Youhan (Mao-Marilyn, ), na Fundació Miró pódese ver a manipulación que Shi Xinning fixo dunha famosa foto de Mao. Na nova versión, Mao admira a Fonte de Duchamp (un urinario). Hai manipulacións de carteis oficiais do realismo socialista. O resultado: coca-colas e hamburguesas ao chou (a estética destas obras fai pensar na cabeceira do programa de TV3, Polònia).
Os creadores teñen unha posición difícil. A realidade cambiante na que viven obrígaos a saltar da tradición á aldea global. As propostas son múltiples, pero próximas á realidade. Bótase en falta, na Fundació Miró, a arte abstracta. Certo é que non interesou nin interesa moito en China, pero haber haina.
A relación coa realidade dos artistas faraos reaccionar ante a cita deste verán, os xogos olímpicos? Como? Só aproveitarán a ocasión para seren máis coñecidos fóra? Para vender máis?
Que está a pasar en Beijing e noutras cidades ante as protestas da poboación tibetana? Haberá manifestos pro-Tibet? As autoridades seguen censurando. E a hipocrisía occidental concede a celebración dos xogos olímpicos a China... e agora protesta porque non se respectan os dereitos humanos. Respectábanse hai uns anos cando se concederon os xogos?
Zhù Yi! Fotografia actual en China.
Para redondear a panorámica da arte actual en China, no Palau de la Virreina (Rambla, 99) ofrécense instantáneas de fotógrafos actuais. Interesante e mordaz visión.
Para comezos de verán CaixaForum de Barcelona ten pensado traer a exposición La modernitat desplaçada. Trenta anys d'art abstracte xinès. Será unha boa ocasión de completar a panorámica da arte chinesa. E para cabos de ano, o CCCB proxecta traer Xina somiada, Xina real, neste caso unha viaxe pola arquitectura e mais polo urbanismo (ou anti-urbanismo) das cidades de China.
EXPOSICIÓN: Vermell a part. Art xinès contemporani de la col-lecció Sigg
Fundació Miró (Montjuïc – Barcelona)
Horarios: de martes a sábados, de 10 a 19 horas, domingos, de 10 a 14,30 horas.
Até o 25 de maio.