Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous terzos aínda viven cos pais

Aumenta a dependencia do fogar familiar dos mozos menores de 35 anos

Galiza segue de pechancelas en canto á emancipación da mocidade. A taxa empeorou tres puntos o último ano.

Redacción - 13:50 29/04/2008
Flickr: alfonso benayas'

Flickr: alfonso benayas'

Os elevados prezos das vivendas e os baixos salarios de mozos e mozas son as causas principais desta mala evolución, segundo sinalan desde a UXT. Entre 2006 e 2007 e tal e como sinala o Observatorio Xove de Vivenda, a taxa de emancipación dos menores de 35 anos empeorou en Galiza en case tres puntos, quedando no 34,6%. Unha evolución negativa que a nivel estatal e alén de Galiza só aconteceu en Asturias, Baleares e n'A Rioxa.

Os problemas da mocidade para ter vivenda de seu
Para explicar esta evolución estatística, desde o sindicato UXT reparan este martes especialmente no desembolso económico necesario para mercar vivenda libre: un 60% do salario medio, cun incremento no mesmo período de até o 13,4% nos prezos.

Tal e como recordan desde o sindicato, se ben unha hipoteca non debera representar máis do 30% do salario dunha persoa, iso implica en Galiza que o soldo medio dun mozo chegue aos 27.874, cando a realidade é que esa cifra queda nos 13.967 euros. Segundo o estudo da UXT, a mocidade pontevedresa é a que máis complicado o ten para deixar a casa dos pais, xa que a diferencia entre ingresos necesarios para mercar unha vivenda e o salario chimpa até o 124,33%. Na Coruña, Lugo e Ourense, as porcentaxes respectivas quedan no 90, 58 e 61,8%.

Fórmulas para virar a situación: do alugueiro ás cooperativas
A posibilidade de estimular "fórmulas de organización da xuventude para a promoción das súas propias vivendas, ben sexa en aluguer ou en propiedade" é unha das iniciativas que sinala Cristina Pedreira, responsábel do departamento de Xuventude Traballadora da UXT-Galicia, indicando a necesidade de explorar a formación de cooperativas.

Tamén propoñen a elaboración de censos de vivendas baleiras, como paso previo ao fomento de programas que potencien a súa introdución no mercado, e o fomento do aluguer fronte á compra de vivenda. Salientan ademais sobre a necesidade de afondar no control das vivendas de protección "para que non perdan o fin social para o que foron concibidas", freando os movementos especulativos que nese ámbito se producen. De xeito específico, recomendan tamén que á hora de facer vivenda protexida se aposte prioritariamente polo aluguer.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: