Vanse investir corenta millóns de euros para potenciar estes cultivos no país.
Medio Rural investirá 39,4 millóns de euros para potenciar a agricultura ecolóxica galega, e na súa maior parte (78%) irán destinados a modernizar e ampliar a rendibilidade este tipo de explotacións agrogandeiras. Ademais, a esta partida debe sumarse a achega privada de 9,6 millóns de euros. Conforman, en conxunto o Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica de Galicia 2008-2013, que foi presentado hoxe en Monforte.
Aínda que na actualidade a agricultura ecolóxica non está demasiado desenvolvida no noso país, Galiza lidera
a produción de leite ecolóxico en todo o Estado, con 20 granxas e 1.200 cabezas de gando e que achegan o 35 por cento deste produto en España.
O 30 de maio de 2007 Medio Rural cesou o presidente do Consello da Agricultura Ecolóxica por obstrucionismo. a medida foi recibida con gran satisfacción polo sector. No 2007 apenas o 1% do total dedicado á agricultura ecolóxica no Estado correspondía a Galiza, segundo datos do informe Alimentación en España 2007. Trátase dunha das porcentaxes máis baixas dun ránking que lidera Andalucía, co 58%, seguida de lonxe de Aragón (7,6%), Extremadura (7%), Cataluña (6%), Comunidade Valenciana (3,3%) e Navarra (2,8%). A continuación sitúanse Murcia (2,6%), Baleares (2%), Castela e León (1,4%) e, xa con menos importancia que Galiza e La Rioja, que coinciden co 1% sobre o total estatal, aparecen Cantabria (0,7%), Canarias (0,5%), Madrid (0,5%), Asturias (0,3%) e Euskadi (0,1%).