Tras dúas semanas de actuación en Chiapas, a primeira compañía de pallasos zapatistas volta con experiencias e historias que contar. Aquí a súa última crónica.
Estamos de paseo pola capital. Mañá marchamos, pero hoxe temos a sorte de coñecer o barrio de Teíto (o máis conflictivo e radical da cidade) da man dunha das súas loitadoras que, aínda que moi nova, ten xa un historial persoal nas loitas e na defensa dos presos que é incrible, e que nos aloxa na súa humilde e linda casa.
Con ela platicamos de presos, da outra campaña e, en xeral, dos procesos sociais en México. A verdade é que este país é inabarcábel. Hai historias e realidades de confrontación ao capitalismo para escribir mil libros e… falando de libros, temos a sorte de ter nas nosas mans un libro recén saído do prelo, o último sobre o Sub, nacido dunha entrevista deste con Laura Castellanos e fotografado por Ricardo Trabulksi, quen nos comandou como semi-embaixadores do mesmo e nos pediu que colaboremos na súa distribución e difusión polo estado.
Para nós é unha honra contar coa confianza e amizade deste grande fotógrafo con quen, de seguro, seguiremos traballando man a man proximamente.
Novas estratexias
Regresamos para Galicia-Barcelona. Os pallasos teñen que regresar a Chiapas en breve, pero tamén deberemos estabelecermos algunha estratexia complementaria para asistir aos convites que nos fixeron de ir actuar aos cárceres da Cidade, visitar Atenco e facer que a nosa solidariedade sexa efectiva, ademais de coñecer os loitadores e loitadoras universitarias.
Se tiveramos que actuar en cada foco de rebeldía deste inmenso país non teriamos dias na nosa vida. De momento, asumimos o compromiso de actuar en todas as comunidades zapatistas da zona norte e, para iso, imos necesitar máis de 30 viaxes... a ver como nos apañamos.
Desde Chilangolandia, e á espera de romper coa militancia abstemia zapatista bailando ao estilo de tepito, mandamos esta última crónica lembrando a Chaplin: “un dia sen rir é un día perdido”, e de colleita propia: "unha vida sen loitar é unha vida perdida".
Aquí podes continuar lendo as crónicas enviadas pola expedición.