Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
IMPULSADO POLO COETG

Un dicionario recollerá os termos sobre novas tecnoloxías na nosa lingua

A obra, que estará dirixida por Xavier Alcalá, presentouse este martes en Compostela, dentro dos actos conmemorativos do Día das Letras, da Internet e das Telecomunicacións.

Redacción - 19:03 13/05/2008
Un momento da presentación

Un momento da presentación

Este martes presentouse en Compostela o Dicionario Enciclopédico Galego das TIC, unha obra promovida polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións e dirixida por Xavier Alcalá que pretende normalizar na nosa lingua o vocabulario relacionado coas novas tecnoloxías.

A presentación do proxecto e mais a reflexión sobre o futuro da lingua galega na era dixital foron as principais accións que promoveu o COETG para conmemorar, xunto coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008.

Alcalá, ademais de achegar os primeiros resultados do proxecto en canto a escolma de termos e criterios de selección, falou da intencionalidade do Dicionario, da súa produción e metodoloxía de traballo, así como da súa promoción e divulgación na rede. Como enxeñeiro, afirmou, “cómprenos a aplicación correcta dos códigos. O código fundamental para os humanos é a fala. Por iso, nós temos unha especial obriga na corrección e na economía dos termos”, de aí que para Alcalá sexa “obxectivamente encomiable o Dicionario que nos propomos levar ao dominio dos feitos”.

O Dicionario Enciclopédico Galego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, no que traballan máis de 30 expertos, conta coa supervisión técnica e científica da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e coa supervisión lingüística da Real Academia Galega. A súa produción desenvolverase en tres anos e aloxarase na web corporativa da AETG e nos dominios de Internet da ETSET de Vigo e da Real Academia Galega, con actualización permanente e grupos de traballo na súa contorna para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: