Mulleres de todo o Estado reuniranse en Panxón para debater sobre sexualidade, aborto, prostitución e a Lei Integral contra a Violencia de Xénero.
O colectivo "Outras voces feministas", que agrupa a mulleres feministas de todo o Estado, naceu hai máis dun ano para facer ouvir un feminismo distinto, que contribuíse a un debate enriquecedor no que non sempre falen as mesmas persoas.
"Nós tamén somos diversas e as nosas opinións plurais. Coas nosas aportacións e tamén, por que non, coas nosas críticas, queremos participar e colaborar coa marcha das mulleres no longo camiño da igualdade, a liberdade e a solidariedade", salientan dende o colectivo.
Para este sábado día 31 de maio teñen organizado en Panxón (Nigrán) un novo encontro (xa organizaron varios por todo o Estado), no que se ha falar das cuestións que preocupan a estas mulleres, como o desenvolvemento dunha excesiva tutela das leis sobre a súa vida, "que pode redundar nunha actitude proteccionista que volva considerar ás mulleres como persoas incapaces de exercer a súa autonomía. E parécenos tamén arriscado que tome corpo a idea de que só con leis se muda a vida das persoas".
No encontro, ao que asistirán mulleres de todo o Estado, debaterase, entre outras cousas, sobre a prostitución; sobre a sexualidade masculina e feminina; sobre a vixente despenalización parcial do delito do aborto (tocando temas como os abortos tardíos, os incumprimentos da sanidade pública, o papel das clínicas privadas, a obxección de conciencia...); e sobre a proposta de avaliación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero que elaboraron na súa anterior xuntanza, desenvolvida en outubro do ano pasado.