Un total de sesenta voluntarios acompañaranas para lles dar apoio á hora de acceder a diversos recursos sociais en cinco cidades do país.
Un total de 60 voluntarios de Ferrol, Lugo, Vigo, Ourense e A Coruña acompañan dende este luns a mulleres vítimas de violencia de xénero co fin de apoialas á hora de acceder aos diversos recursos sociais de que dispoñen, tal como solicitar un parte de lesións, acudir a un xuízo ou pedir unha praza nun centro de acollida.
Estas serán algunhas das funcións do voluntariado dirixido ás mulleres vítimas de violencia de xénero que recolle o programa Rodela, impulsado pola Vicepresidencia da Xunta, e que presentaron este luns Anxo Quintana e a directora xeral do Servizo de Igualdade, Ana Luísa Bouza.
Este proxecto sitúa a Galiza como "referente en impulsar, financiar e coordinar" unha rede social deste tipo, sinalou o vicepresidente, que reivindicou ademais que o programa ha servir para "canalizar" a violencia de xénero e integrala nun espazo cedido ao tecido asociativo. "É un sistema innovador" que non existe no Estado, sentenciou.
Petición a través da web
No entanto, Quintana precisou que se trata dun sistema "complementario" de loita contra a violencia de xénero e asumiu que as administracións deben atender ás súas responsabilidades e non traspasalas á cidadanía. Ademais, dixo que agardaba que Rodela se estendese a máis cidades do país.
Todas as mulleres poderán realizar a súa petición a través da web do programa (www.rodela.eu), que entrará en funcionamento esta quinta feira, e que servirá para xestionar as demandas en función da cidade onde estas residan, indicou Ana Luísa Bouza.