A editorial afirma que non reactivará a aplicación até que Política Lingüística reabra o procedemento que declarou deserto en novembro.
O 23 de abril Ir Indo colgou na rede o seu dicionario de galego, que inclúe ademais sinónimos, antónimos e as correspondencias en castelán e portugués. A ferramenta, con 65 mil entradas e adaptada á nova normativa, tivo un gran recibimento entre os internautas, e viña complementar o dicionario online da Academia, sen as modificacións normativas de 2003 e con tan só 15 mil termos.
Agora a editorial anuncia que retira da rede o dicionario. Esíxelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que reabra o concurso público para conceder unha axuda para a realización e mantemento desta ferramenta, un procedemento que se iniciou o pasado ano e que foi declarado deserto. Naquel concurso presentáronse dúas propostas: Ir Indo, excluída por non figurar no seu obxecto social o traballo para a rede, e unha empresa informática. Segundo Bieito Ledo, director de Ir Indo, nas bases técnicas da convocatoria non figuraban especificacións técnicas sobre o contido do dicionario (número de entradas, por exemplo), e dado que a única empresa que fora admitida no concruso non dispuña de dicionario, o proceso foi declarado deserto en novembro de 2007.
A partir dese momento, Ir Indo estivo traballando cos seus propios medios na construción do seu dicionario online, finalmente presentado o 23 de abril, que agora pechan, segundo Bieito Ledo, por non poder atender o seu mantemento e corrección. En paralelo, a editorial dirixiuse en varias ocasións á Secretaría Xeral de Política Lingüística, para solicitarlle que reabrise o concurso que declarara deserto: "non queremos privilexios, só que se reabra un concurso para apoiar unha iniciativa que cremos moi necesaria para a lingua e para o desenvolvemento da rede en Galiza".
Ledo afirma que a resposta que recibiu de Política Lingüística foi que o concurso non se ía repetir, porque xa existe un dicionario online de galego, o da Academia, aínda que conta con moi poucas entradas (15 mil, por 65 mil do de Ir Indo) e non contén as modificacións normativas de 2003. Bieito Ledo di, con todo, que non quere que nin a presentación do dicionario en abril, nin a súa retirada agora, se interpreten como medidas de presión.