Logo de interromper máis de 20 mil retransmisións televisivas, Gabriele Paolini, podería ter que ir á cadea polas súas accións en defensa do uso do condón.
Malia non contar con ningún programa de televisión, Gabriele Paolini é xá un dos personaxes máis coñecidos no panorama audiovisual italiano. O seu costume, xa convertido en oficio, é o de aparecer nos directos televisivos, colarse no plano detrás dos presentadores e sabotear a retransmisión. As súas denuncias son variadas: publicita as súas webs, grita consignas contra Berlusconi, o Papa ou personaxes famosos e promove campañas do máis variado. Na última dirixiu os seus esforzos en promover o uso do condón, despois de que un amigo morrese a causa da SIDA. De aí o seu nome, o "Profeta Profiláctico", alcume de propia acuñación e que publicitou empregando condóns para chamar a atención nas súas últimas aparicións.
O Libro do Guiness recoñécelle a Paolini o record mundial de interrupcións televisivas, nada menos que 20.000. Apareceu no transcurso de noticias vencelladas con actos políticos, deportivos ou sociais. É xa un vello coñecido das canles italianas e aparece alí onde está prevista unha retransmisión en directo, mesmo chegou a aparecer en 6 conexións no mesmo día. Ademais, vense de comprobar que a súa aparición en pantalla fai subir vertixinosamente a audiencia, polo que se sospeita que mesmo algúns programas contactan con el e anuncianlle onde van a dispoñer as súas unidades móbiles.
Ameaza de cadea
A Corte Suprema de Italia vén de ratificar unha sentenza suspendida sobre Gabriele Paolini de tres meses de cárcere por interromper unha emisión da RAI, en xuño de 2001. O Tribunal recoñeceu así que calquera que intencionalmente se incluíse nunha emisión televisiva dende un lugar público podería estar a cometer un delito.
Esta non é a primeira vez que Paolini ten que responder ante a xustiza polas súas aparicións en televisión. Canles e xornalistas denunciarono en diferentes ocasións, mais sempre saíu absolto. Recentemente o Tribunal de Roma declarouno inocente recoñecendo o seu dereito a manifestarse públicamente. Sen embargo, finalmente, semella que o "profeta do profiláctico" terá finalmente que responder ante a xustiza polo seu particular xeito de protesta.