A este membro das brigadas da SEAGA, atribúeselle ter iniciado cando menos catro focos de lume durante a madrugada en varias parroquias ourensás.
Ao presunto incendiario, que xa prestou declaración nas dependencias da Garda Civil da Rúa e foi trasladado aos xulgados do Barco de Valdeorras, impútaselle prender catro focos de lume entre as 12h e as 4h30 horas da madrugada do xoves para o venres en montes das parroquias de Corzos, Prado, Espiño e Baños, no municipio da Veiga. O incendio xa está controlado e afectoulle a zonas arboradas e de monte baixo.
Foi detido pola Garda Civil, e fontes da subdelegación do goberno español en Ourense, informaron de que o arrestado é X.L.A.P., de 39 anos de idade e veciño do Concello de Larouco, aínda que é natural do municipio da Veiga. Segundo os datos da Consellaría de Medio Rural, o detido traballa como persoal de reforzo do verán no dispositivo de prevención e extinción de incendios, no que ocupa un posto de vixiante móbil na zona do Barco de Valdeorras. No momento da súa detención estaba de libranza.
Segundo as primeiras investigacións, o suposto incendiario contaba con experiencia na extinción de incendios, xa que, durante varias campañas, formou parte da brigada municipal do Concello da Veiga.