Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Nunha xornada accidentada

Samertolameu consegue a súa sétima bandeira da Liga coa Teresa Herrera

Os de Meira seguen á fronte da competición galega, após vencer na praia de Riazor. Na proba a embarcación de Coruxo turrou contra a de Cabana, abríndolle unha vía.

Redacción - 11:44 04/08/2008
A embarcación de Samertolameu

A embarcación de Samertolameu

Xa o ano pasado a Bandeira Teresa Herrera fora a máis accidentada da tempada, cando unha onda partía en dous a embarcación de Chapela. Desta volta, na oitava edición, houbo tamén un pequeno accidente, protagonizado polas embarcacións de Coruxo e Cabana, na primeira quenda. Os vigueses chocaban contra a embarcación de Cabana, debido a un mal virado, abríndolle unha vía no casco. Todo quedou nun susto, e os remeiros sufriron pequenas contusións. Na Galega captaron o momento do accidente coas súas cámaras.

Hai que dicir que a competición coruñesa é especialmente dura e temida polos clubes do país, posto que se desenvolve en mar aberto, algunhas veces con malas condicións para a navegación.

A sétima bandeira da Liga para os de Meira
Por outro lado, despois do acontecido, reanudáronse as quendas, onde a tripulación de Meira buscou, pero non atopou rival nos dous días nos que se dividiu a proba. O sábado os de Samertolameu fixeran unha pequena exhibición da súa forza, roubándolle dez segundos aos do Náutico de Vigo, mais o domingo aumentaron a diferenza en 23 segundos máis.

Dado que para os de Meira foi doado meter a súa sétima bandeira da Liga Galega de Traíñas no peto, a emoción viviuse, sobre todo, na loita pola terceira praza. Mecos e Perillo, que andan en constante duelo dende o comezo da tempada por ocupar o quinto lugar na clasificación xeral, pelexaron, máis unha vez, por ocupar o terceiro chanzo do podio. Finalmente, por nove segundos, a terceira praza foi para os remeiros do Grove.

E na Liga estatal

Na undécima proba da Liga ACT, que se desenvolveu na guipuscoana localidade de Zumaya, os gañadores foron os remeiros de Orio. Detrás deles entraron, por esta orde, Urdaibai e Zarauz. As embarcacións galegas, na súa loita particular, entraron seguidas na meta. Cabo da Cruz foi novena e Tirán décima.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: