Entre o 18 e o 24 de agosto, a vila acolle seis grandes concertos de agrupacións e solistas de primeira categoría, ademais doutras actividades.
O Festival abriuse este luns coa actuación de Ara Malikian e José Luis Montón. Os concertos celébranse na Praza de España, agás dous deles (o inaugural e o da Jerry González Band), que teñen lugar no Auditorio Municipal). Este mércores á noite será o momento do cuarteto Vi-Gop Quartet, liderado polo pianista Antonio López (Monano), unha das novas promesas do jazz galego. O xoves actuará a Lemos Jazz Experiencia, unha banda conformada polos profesores que interveñen no Seminario de Música Moderna e Improvisación.
O venres chegará o prato forte do Festival, co concerto do percusionista, Jerry González, un dos grandes creadores do jazz latino. O sábado actuará o Joshua Edelman Trío, e o domingo pechará a semana a Calixto Oviedo Band.
O Festival inclúe ademais outras actividades como o programa 'Jazz X Barrios', consistente en diversos concertos que se celebran na rúa ou en locais de diferentes barrios da vila. Así mesmo, durante os días que se celebra o festival, terá lugar o '4º Seminario de música moderna e improvisación'.