Botará a andar, de xeito experimental, no mes de setembro en Miño e en Salceda de Caselas. Galiza é a terceira comunidade autónoma en regulala.
O Goberno aprobou este xoves introducir a receita electrónica no servizo de saúde. A súa intención é mellorar a calidade da asistencia pública e reducir o número de consultas para a renovación das prescricións. Ademais, segue na liña de implantar os soportes informáticos para xestionar a dispensación de fármacos.
Coa aprobación da receita electrónica, Galiza convértese na terceira comunidade autónoma do Estado Español que a regula mediante un decreto, antes de que exista unha normativa de eido estatal. Miño e Salceda de Caselas serán os primeiros concellos en contar, de xeito experimental, con esta nova receita, a partir de setembro.
Segundo a Xunta, a implantación da receita electrónica tamén evitará erros de lectura da letra do médico na farmacia, facilitará o seguimento terapéutico e o control de alertas farmacéuticas, entre outras vantaxes. A historia da medicación prescrita a cada paciente formará parte dun rexistro, e enmárcase no proxecto de historia clínica electrónica IANUS, protexendo o dereito á intimidade e confidencialidade dos datos clínicos.
O decreto regula a implantación da receita electrónica e estabelece os procedementos de prescrición e dispensación mediante o seu uso. A nova prescrición incluirá a identificación do facultativo, a identificación do paciente co seu nome, apelidos e código de identificación sanitaria, os datos mínimos necesarios para a identificación inequívoca do medicamento, a posoloxía e duración do tratamento (non superior a un ano), a data, o número de envases, as advertencias do farmacéutico e a sinatura electrónica da persoa prescritora. Ao inicio do tratamento, os pacientes recibirán unha folla de prescrición en soporte papel, na que se indicará, ademais, a periodicidade con que debe recoller as menciñas na farmacia.