Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DIFÍCIL CAMIÑO DA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Clube Financeiro de Vigo sostén que "o español desapareceu do ensino"

A xunta directiva desta influinte asociación cre que o decreto de galeguización 'espanta' os executivos con fillos en idade escolar.

R.V - 19:55 02/09/2008

O equipo directivo do Clube Financeiro de Vigo publicou este martes un documento onde se teoriza sobre cuestións sociolingüísticas. Logo de afirmar no limiar que o escrito non está sostido en “criterios de carácter ideolóxico ou político”, a dirección do clube financieiro conclúe nas seguintes páxinas que a dende a chegada do bipartito á Xunta e especialmente dende o decreto de galeguización do ensino “as posibilidades de escolarización en español para os nenos de Ensino Primario e de lingua materna castelá son practicamente nulas”. No documento sinalan que isto, en menor medida, tamén ocorre no ensino secundario e no bacharelato xa que, segundo esta peculiar visión, “o español desapareceu ou ocupa un lugar residual pois a lingua vehicular é o galego; as materias troncais impártense nesa lingua, tendo o castelán tratamento de lingua estranxeira”.

No mesmo documento, a entidade, que agrupa a 300 empresas e entidades que desenvolven a súa actividade no sur de Galiza, afirman que a normalización do galego no ensino provoca que “moitas empresas se estean a enfrontar á dificultade de reter ou contratar persoal cualificado procedente doutras rexións españolas ou doutros países, se a súa idade se sitúa na franxa de 30 a 50 anos e teñen fillos en idade escolar”.

Como conclusión, o clube empresarial proponlle á Xunta, entre outros puntos, que sexan os pais os que decidan o idioma de escolarización dos seus fillos e que sinalización pública sexa sempre bilingüe.

Un posicionamento unánime?

O Clube Financeiro de Vigo engloba medianas e grandes empresas que teñen intereses na área metropolitana olívica. Fundando en 1993, a sociedade pretendía converterse nun foro para uns, nun “lobby” dirían outros, da clase empresarial viguesa e influir tanto nas decisións políticas locais como nas de ámbito nacional.

Tal e como lle recoñeceron dende o clube a Vieiros, o texto presentado publicamente este martes en Vigo foi aprobado unilateralmente pola xunta directiva, encabezada polo ex deputado socialista Xesús Bahillo. Por iso mesmo, custa concluir que todas e cada unha das entidades e empresas que forman parte deste colectivo suscriban este posicionamento. Un exemplo é o da Universidade de Vigo, que forma parte do Clube Financieiro de Vigo. Segundo puido saber este xornal, nesta institución pública non gustou nada o contido do comunicado. De feito, é moi posíbel que nas vindeiras horas se dea a coñecer un documento polo cal a entidade se desvincula do controvertido texto.

Poden ler aquí o documento titulado Política lingüística. Unha visión empresarial (.pdf)


1,65/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: