25 colectivos de Vigo e da súa área de influencia denuncian os danos irreversíbeis que causará este proxecto con máis de seis mil alegacións.
O plan viario Vigo Íntegra prevé unha inversión de preto de 2 mil millóns de euros destinados á mellora de infraestruturas de comunicación desta cidade e máis a súa área de influencia, a través de 70 actuacións sobre 350 quilómetros de vías. Porén, dende a súa presentación no mes de abril, este proxecto non fai máis que sumar colectivos na súa contra. A proba son as máis de seis mil alegacións que presentaron entidades veciñais. Pero ademais, organizacións ecoloxistas, na defensa do patrimonio e mesmo gobernos municipais xa se manifestaron na súa contra.
Uns 25 colectivos da zona veñen de protagonizar un acto simbólico en Vigo, ao entregaren as súas últimas alegacións (o prazo remata o mércores) no edificio administrativo da Xunta na cidade olívica. Foron A Ría non se Vende (que aglutina a 14 organizacións), xunto con colectivos como Afectados Rolda Vigo – Lavadores, Alternativa Veciñal, Sárdoma en Loita, Club Espeleolóxico Maúxo, Colectivo Nacionalista de Marín, Xogo Descuberto e as plataformas Plan de Seguridade Viaira PO – 325, Pola Defensa de Mos, Priegue Unido e Gondomar Vive. Denuncian os danos irreversíbeis que producirá o plan tanto no eido arqueolóxico, como histórico ou natural.
Neste sentido, Xosé Reigosa, voceiro de A Ría non se Vende, fai fincapé na división que este proxecto terá sobre diferentes concellos afectados: "a fragmentación do territorio que se deriva do plan é terríbel e reflíctese na división de municipios e parroquias, que quedan literalmente divididas en dous". Así sucede por exemplo en Nigrán, Mos ou Gondomar, onde tamén os gobernos municipais presentaron alegacións. Ademais, en moitos casos prevese a expropiacións de vivendas e afeccións importantes a castros ou petroglifos, entre outros vestixios arqueolóxicos.
Ademais, dende A Ría non se Vende denuncian que esta iniciativa que contempla a creación de 220 quilómetros de autovía no entorno de Vigo, "non contempla nin unha mínima referencia ao transporte público, tal e como obrigaría a normativa europea". Segundo aseguran "está unicamente baseada no asfalto e nun modelo caduco onde se lle dá prioridade ao transporte en vehículo privado sobre o público".
"Todos somos afectados"
Reigosa asegura que os afectados son todos os veciños da zona, que se verán prexudicados dunha ou doutra forma. Dende finais de agosto os diferentes colectivos manteñen o contacto para traballaren conxuntamente contra o Vigo Íntegra, até o de agora na elaboración de alegacións. No futuro organizarán unha gran mobilización en Vigo, da que aínda falta por concretar a data. A pasada fin de semana, xa deron un adianto os veciños de Gondomar: máis de tres mil persoas marcharon baixo a convocatoria de Gondomar Vive e ao grito de "Onde vivimos importa".
Mentres, veciños e asociacións agardan que a Xunta e maila Consellería de Política Territorial reflexionen sobre esta iniciativa e a retiren: "nun país minimamente democrático e cunha contestación social tan importante, só nos cabería agardar a retirada do plan", di Reigosa ao tempo que matiza "haberá que agardar para saber cales son os verdadeiros intereses que primarán nesta cuestión, se os sociais ou os económicos".