Confírmase a suba dos partidos de Strache e Haider. Os resultados definitivos, o 6 de outubro.
Strache (FPÖ) e Haider (BZÖ),este domingo
Segundo os datos preliminares facilitados polo Ministerio do Interior, o Partido Socialdemócrata Austríaco (SPÖ) foi a formación máis votada nas eleccións lexislativas deste domingo en Austria, co 29,7% dos sufraxios. Porén, confírmase a suba das dúas forzas da ultradereita, o FPÖ que medra do 11% ao 18.01%, e o BZÖ que chimpa do 4,11% de hai dous anos ao 10.98%.
O socio do SPÖ no frustrado goberno que durou 18 meses, o Partido Popular (ÖVP), caeu nove puntos deica o 25,6%, e o até de agora terceiro partido, o dos Verdes (Die Grünen), ficou relegado ao quinto posto. Este é o peor resultado das formacións moderadas en Austria dende a fin da II Guerra Mundial.
Os resultados finais non se coñecerán deica o 6 de outubro, cando se reconte o voto por correo e o dos residentes no exterior, que suma arredor do 10% dos sufraxios. Esta é a primeira vez nun Estado membro da UE que os cidadáns de 16 e 17 anos -uns 200 mil do total de 6,3 millóns de electores- acoden as urnas.
A extrema dereita austríaca aglutina os sentimentos dos que se opoñen a UE e aos inmigrantes, así como os descontentos cos dous tradicionais partidos centristas. Segundo os analistas, a ultradereita podería volver entrar no goberno, mais só despois de que todas as outras opcións posíbeis -entre estas, outra gran coalición como a recentemente fracasada- fosen exploradas.