O grupo ecoloxista proxectou durante a madrugada, e sobre as torres de refrixeración da central pontesa, imaxes dos efectos do cambio climático
É a maior fábrica de cambio climático en todo o Estado e unha das maiores de Europa, segundo avalían os ambientalistas sobre a central térmica de carbón d'As Pontes. En cifras: arredor de nove millóns de toneladas de carbón consumidas, por riba do 20% do total estatal. Ademais, recibiu gratuitamente o 80% dos dereitos de emisión do treito 2005-2007.
Por este motivo, e antes de que o Parlamento Europeo debate o próximo 7 de outubro sobre un novo plan para combater o cambio climático, Greenpeace quixo aproveitar para realizar unha acción da súa campaña "Salvemos o clima, abandonemos o carbón" ás portas da central d'As Pontes. Así, membros da asociación proxectaron diversas imaxes sobre as torres da central, como as que poden verse nas imaxes a pé desta información, onde se le "Carbón = cambio climático".
Os eurodeputados deberán decidir a próxima semana sobre cuestións como o reparto da redución dos gases de efecto invernadoiro até 2020, as dúas novas directivas de comercio de dereitos de emisión e sobre a captura e almacenamento de carbono. De como saia o deseño desa lexislación dependerá o futuro da loita contra o cambio climático na Unión Europea, en risco de continuar freada pola perpetuación da industria do carbón. "Ou o carbón ou o clima, esa é a decisión que teñen que tomar os parlamentarios europeos", afirma Raquel Montón, responsábel da campaña de Cambio Climático de Greenpeace.
A importancia da presión cidadá
Xunto con outros colectivos Greenpeace impulsa a web Timetolead.com, desde onde os internautas poden enviarlles aos eurodeputados peticións e propostas e coñecer as decisións que se toman no seu nome. Os ecoloxistas convidan a usar esta plataforma para esixirlles aos representantes da cidadanía no Parlamento Europeo que aposten "por salvar o clima e non ás empresas carboeiras".
Ao fío, Greenpeace recorda os informes que demostran que é posíbel reducir globalmente as emisións de CO2 até un 2050 até metade de século e asegurar de xeito sustentábel o subministro enerxético. Enerxías renovábeis e "uso intelixente" da enerxía fan posíbel abastecer nese prazo a metade a demanda enerxética mundial, subliñan.