Ha custar 234 millóns de euros e as obras comezarán no primeiro trimestre de 2009. Medio Ambiente eludiu revelar se irá ou non soterrada.
A vella depuradora do Lagares
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, presentou esta segunda feira en Vigo o proxecto da nova depuradora que se ha situar nos terreos da actual estrutura da Xunqueira do Lagares. A súa construción custará 234 millóns de euros, as obras licitaranse no primeiro trimestre de 2009 e a duración prevista sitúase entre os 18 e os 24 meses.
Dos máis de 200 millóns que se han investir no proxecto, 104 serán para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en si, e os restantes, uns 30 millóns, destinaranse a construír o "emisario" que ha trasladar as augas tratadas. Os cartos poñeranos, en conxunto, a Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Vigo. A primeira xuntanza para dar a coñecer as características técnicas da alternativa elixida para a construción da EDAR será "antes do 31 de outubro", segundo explicou Manuel Vázquez e, antes de final de ano, as tres partes implicadas han asinar o protocolo de cofinanciamento.
As características da nova depuradora
Vázquez explicou que a nova estrutura ha ter unha capacidade case catro veces superior á actual, xa que está pensada para unha poboación dunhas 850 mil persoas.
Sobre os problemas co terreo, o conselleiro descartou que existan dificultades, xa que a Administración Hidráulica de Galiza contempla "como abordar a actuación coa declaración de utilidade pública", garantindo o cumprimento da lei.
Sobre a posibilidade de que a depuradora vaia soterrada ou, polo menos, parte dela, Vázquez non quixo dar detalles, polo menos até a presentación do anteproxecto, que se ha facer a finais deste mes. Porén, o conselleiro recoñeceu que a posibilidade de que vaia por baixo da terra é "difícil", tendo en conta que o lugar onde se vai situar é unha zona de marisma. Neste sentido, Vázquez continuou dicindo que antes de que vaia soterrada, a "preferencia" é "a eficacia no seu funcionamento".
Limpeza do río Lagares
Polo seu lado, o alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSdeG), sinalou que antes que pensar nos cartos que había custar este proxecto, procuráronse as mellores prestacións tecnolóxicas, o menor impacto visual posíbel e a mellora da calidade de vida dos vigueses. Caballero tamén lle restou importancia ao custe que tiveron as expropiacións de terreo na zona, tendo en conta a magnitude da obra.
Por outro lado, na xuntanza Vázquez e Caballero tamén analizaron a situación na que se atopa o río Lagares, despois dos verquidos de produtos químicos que se produciu após incendiarse unha nave no Polígono do Gorxal. Nesta liña, Vázquez sinalou que a súa Consellaría xa tiña investido un millóns de euros nos labores de limpeza.