Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Atrévete"

Contra a violencia machista: "E eu, que podo facer?"

María Castro, Yolanda Castaño e Xosé Manuel Piñeiro, entre os persoeiros que colaboran nunha iniciativa "fronte á pasividade e a indiferenza". Vïdeo no interior.

Redacción - 20:00 06/11/2008

"Atrévete contra a violencia machista" é outro dos lemas desta campaña que organiza a Secretaría Xeral de Igualdade con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o vindeiro 25 de novembro. Contará con spots de televisión e cuñas radiofónicas nos principais medios de comunicación e distribuiranse carteis publicitarios, así como bolsas da campaña para tratar de espallar a mensaxe entre a cidadanía.

Na iniciativa tomaron parte a poeta Yolanda Castaño, o físico Jorge Mira, a actriz María Castro e o presentador de televisión Xosé Manuel Piñeiro. Con eles quixemos falar en Vieiros para coñecer o seu grao de implicación e comprender as razóns que lles levaron a emprestar a súa imaxe para unha iniciativa coma esta. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, explicou que coa súa presenza se buscou lograr un maior impacto social, xa que son rostros familiares para o público.

"É un delito e hai que denuncialo"
Quintana, que estivo acompañado da secretaria xeral Carme Adán, lembrou que a enquisa sobre violencia de xénero elaborada pola Vicepresidencia en 2005 recollía que o 93% da poboación galega consideraba os malos tratos algo inaceptábel. Porén, tres de cada catro persoas que coñecían algún caso no seu entorno non o denunciaban: "Esta campaña pretende cambiar esta tendencia e por iso lle quere dicir á xente: apoia, denuncia, educa, implícate".

Asemade, o vicepresidente aludiu ao Salario da Liberdade, que dende a súa creación ten servido para axudar a 766 mulleres, e que este ano dispón dunha partida inicial de 1,14 millóns de euros. Para continuar do desenvolvemento desta Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, en 2009 vaise habilitar o Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións previsto nesta norma. Tamén falou da posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, en Santiago de Compostela, ao que se destinan 300 mil euros dos orzamentos do 2009. Nesta liña, subliñou que para o vindeiro ano se destinarán preto de tres millóns de euros á loita contra os malos tratos.


Ligazóns

4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: