O presidente do goberno español agradécelle a Sarkozy e Bush o convite para estar no cumio, pero non aclara que posicións defenderá na xuntanza sobre a "refundación" do sistema financeiro.
A condición de "actor importante" na escena internacional é subliñada desde a Moncloa logo de que este venres se confirmase que o Estado Español estará representado no cumio do G-20. Unha presenza que será posíbel pola autorización do presidente estadounidense, George W. Bush, e a cesión por parte de Francia dunha das dúas cadeiras ás que tiña dereito. O presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, agradeceu publicamente a Bush e ao presidente francés, Nicolás Sarkozy, a confirmación do convite.
E porén, durante a longa presión diplomática, desde que se convocou a xuntanza, até a consecución da praza nela, o executivo estatal segue sen explicar que posición levará a esa reunión nin presentar ideas concretas ao respecto. De momento, Zapatero avanzou que fixará unha reunión previa co líder do PP, Mariano Rajoy, para falar do asunto, e afirmou que podería convocar tamén a sindicatos e empresarios para debater sobre o tema. De momento, o propio Sarkozy, ou o primeiro ministro británico, Gordon Brown, pilotan a posición europea fronte á reforma do sistema financeiro, que ten no redeseño do Fondo Monetario Internacional unha das poucas achegas concretas sobre a que parece haber consenso.
Por outro lado, unha voceira do equipo de Barack Obama, quen non será investido presidente até o mes de xaneiro, confirmou que o próximo inquilino da Casa Branca non estará no cumio de Washington.