Bush agasalla cunha "cea de traballo" os líderes que dende este sábado debaten en Washington a reforma do sistema financeiro internacional.
Os xefes de estado e de goberno dos países do G-20 participan dende este sábado nunha cimeira para discutir cal é a resposta adecuada ás actuais turbulencias e que reformas hai que realizar no sistema financeiro internacional a medio e longo prazo para evitar que se repita unha crise como a actual. Desta reunión sairá un acordo para lanzar un plan de estímulo fiscal coordinado a nivel mundial que reactive a economía, segundo informaron fontes diplomáticas e recollen as axencias.
A xuntanza comezará oficialmente ás 9.00 horas de Washington (15.00 horas na Galiza) no National Building Museum cunha foto de familia. Haberá dúas sesións de traballo e a continuación, o presidente estadounidense en funcións ofrecerá un xantar ao que asistirán tamén os ministros de Finanzas. George W Bush xa agasallou este venres á noite os líderes internacionais cunha "cea de traballo", que incluía, entre outras viandas, paspallás, año e viños californianos.