"Antes había un silencio de medo sobre a guerra; agora hai outro: a ignorancia" (Entrevista con Teo Manuel Abad, director do filme, publicada en xuño de 2008)
Flores Tristes chega ás pantallas. Estréase este venres dentro da programación de Cineuropa, cun pase ás oito menos cuarto no Teatro Principal; e un segundo pase o sábado na Fundación CaixaGalicia, ás once da noite.
Eduardo Galán, director de programación da TVG, anunciou ademais que o documental se emitirá no espazo
Galicia Documental da televisión pública moi proximamente, probabelmente na segunda semana de decembro. Pola súa banda, José Luis Losa, director de Cineuropa destacou a variedade de xéneros entre os filmes galegos estreados nesta edición da mostra de cinema compostelá. Finalmente, Manuel González, director da Axencia Audiovisual Galega, salientou a inxente produción de filmes e documentais sobre a guerra civil e a memoria histórica nestes últimos tres anos en Galiza, un total de 34 producións.
O filme parte dunha idea: en Galiza non houbo guerra, houbo só unha brutal e asasina represión exercida polo bando fascista.
Flores tristes conta a historia non tanto dos asasinados, senón sobre todo dos seus fillos e netos. É polo tanto un relato do silencio e do medo que arrastraron durante toda a ditadura (e máis aló) a segunda e terceira xeración dos represaliados, do estigma que os acompañou durante décadas. Eles, as súas lembranzas, son as 'flores tristes' que agromaron nas tumbas dos milleiros de asasinados. E o propio filme convértese, dando luz a estes recordos, nunha nova flor.