Coa vitoria da pasada fin de semana, a triatleta do Fluvial de Lugo únese a Iván Raña como líderes das listaxes do triatlón estatal.
Saleta Castro nunha imaxe de arquivo
Saleta Castro acadou unha importante vitoria internacional, impoñéndose na meta á israelita Shawna Novak e á española Mónica Pellejero. Castro tardou dúas horas, oito minutos e 33 segundos en completar quilómetro e medio de natación, 40 en bicicleta e outros 10 correndo. O dominio de Saleta foi espectacular, e avantaxou en máis de nove minutos á súa inmediata perseguidora. A carreira da Copa de África está recollida dentro das probas pertencentes á UIT.
Os puntos acadados por Castro son suficientes para subir á primeira posición da listaxe estatal e manter este lugar até o fin do presente ano. Saleta adianta así a Beatriz Jiménez e Ana López Moreno, as dúas atletas que a precedían até o momento nesta clasificación. Castro colócase con 2877.8 puntos, fronte aos 2836 de Jímenez os 2786 de López Moreno.
O triatlón galego está a vivir en crecemento exponencial
Este resultado consolida a fortaleza do triatlón galego. Saleta Castro domina a clasificación absoluta feminina, Iván Raña fai o mesmo na masculina, e o Fluvial de Lugo ocupa a segunda posición da listaxe por clubs, a só 11 puntos do Reus.
Estes son só algúns nomes destacados dunha disciplina onde veñen petando forte outros como Aida Valiño, Pilar Hidalgo, Alberto Trillo, Antón Ruanova, Alba Cuba ou Óscar Vicente. Mais hai que ter en conta que falamos "só" da sólida base dese iceberg cuxa cabeza visíbel é Xavier Gómez Noya, dominador hexemónico do circuíto mundial de triatlón nos últimos dous anos.