Esta medida, que xa foi criticada por diferentes organizacións, márcase o obxectivo de manter vixiados aos enfermos sexualmente activos para que non estendan o virus.
A provincia indonesia de Papúa, onde se concentran o 47% dos casos de VIH do país, está a piques de implantar unha ordenanza que exixe que aos afectados pola sida se lles coloque un microchip. O propósito é monotorizar a súa actividade para tentar previr que se infecten outros. Así, se se descubrira a un paciente que contaxiase a unha persoa san, impoñeríaselle unha pena, aínda por concretar. Esta nova Lei da Sida será aprobada previsíbelmente a finais de mes e o obxectivo é aplicala só a aqueles seropositivos cunha conduta sexual moi activa, segundo o parlamentario John Manangsang.
A medida xa recibiu as críticas de numerosos activistas e organizacións de dereitos humanos. O director da Comisión Nacional contra a sida de Papúa, por exemplo, xa se manifestou en contra deste plan ao que acusou de que, no canto de promover a visibilidade dos enfermos, tenderá a estigmatizalos, agochalos e dificultará o seu acceso aos tratamentos médicos. Doutro xeito opina o goberno indonesio, que asegura respectar os dereitos das persoas con VIH, máis que tamén deben "respectar os dereitos daqueles que están sans".
Datos alarmantes
A sida afecta moi gravemente a Papúa, onde o 2% dos adultos están infectados polo virus, unha porcentaxe que chega até o 3% entre a poboación máis nova segundo informes do Programa Conxunto das Nacións Unidas para a Sida (ONUSIDA). Estas cifras multiplican por 20 a taxa de portadores de toda Indonesia, o cuarto país máis poboado do mundo (235 millóns de habitantes).
Segundo os expertos, detrás destas estatísticas están os altos índices de promiscuidade, os rituais nalgunhas tribos papúas, onde se practica o intercambio de parellas, a escasa educación sobre a sida e a falta de preservativos. Isto explicaría o crecemento exponencial desta enfermidade naquel país asiático, que xa conta con 61 de cada 100 mil papuanos infectados.