A organización da ONU presenta esta traballo para "fomentar o debate", non para desenvolver políticas propias contra esta enfermidade.
Unha detección xeneralizada do virus da sida e o tratamento inmediato con antiretrovirais entre as persoas seropositivas permitiría, en 10 anos, reducir no 95% o número de afectados por esta enfermidade, segundo un estudo da OMS (Organización Mundial da Saúde), publicado esta semana pola revista británica The Lancet.
O equipo de investigadores, capitaneado por Reuben Granich, empregou un programa informático para imaxinar o impacto dunha epidemia xeneralizada entre os habitantes nun país como África do Sur, un dos máis afectados no mundo pola sida. Se a estratexia anti-sida que propoñen fose aplicada, o número de infectados polo virus pasarían de ser 20 persoas por cada mil a unha persoa por cada mil habitantes en 10 anos. A finais de 2007, perto de tres millóns de persoas eran tratadas, en todo o mundo, con antiretrovirais, mentres perto de 7 millóns aínda non dispuñan deste tratamento, sen contar cos 2,7 millóns de persoas que foron infectados con VIH ese ano.
Cara a eliminación da sida
Coa estratexia proposta pola OMS, "a transmisión podería reducirse, e a epidemia podería decrecer fortemente, até a súa eliminación, cando envellecesen e morresen as persoas que agora están en tratamento", sinalan os autores deste estudo.
"Con só análises voluntarias para todos, e comezar de inmediato coa terapia antiretroviral, reduciríase a transmisión do virus até o punto de que sería admisíbel a posibilidade da súa eliminación en 2020, no cadro dunha epidemia xeneralizada", determina esta traballo publicado na revista médica británica. Porén, dende a OMS afirman que a súa publicación está destinada a crear debate, non a definir unha política oficial dentro desta organización das Nacións Unidas.