A ONG Médicos Sen Fronteiras difunde a súa lista anual coas urxencias sanitarias e humanitarias de 2008.
En 2008, as organizacións de axuda humanitaria tiveron que traballar en moitos países onde as circunstancias foron cada vez máis perigosas e ameazadoras, segundo Médicos Sen Fronteiras (MSF). A ONG, fundada en Francia en 1971, difundiu a súa lista anual das urxencias humanitarias e sanitarias do ano.
As dez peores están relacionadas cos conflitos armados en Somalia, Darfur (Sudán), República Democrática do Congo, Cimbabue, Paquistán, Myanmar e Iraq, así como coa desnutrición infantil, a sida e a tuberculose nos países en desenvolvemento.
MSF salienta que en Iraq lle custou desenvolver o seu labor por mor dos intentos de políticos e militares de usar as organizacións humanitarias para os seus fins políticos. Tamén, chama a atención sobre a tuberculose que afecta a persoas previamente infectadas co VIH e que mata uns 1,7 millóns de persoas ao ano.