Os galardóns, divididos en 26 categorías, escolléronse a partir de máis de 250 mil votos dos internautas.
O blog Mashable fixo públicos os gañadores da segunda edición dos seus premios anuais Open Web Awards, unha competición internacional e multilingüe para salientar as mellores propostas innovadoras dentro da web. Divididos en 26 categorías, os premios recolleron máis de 250 mil votos.
Precisamente, os recoñecementos foron para as páxinas que introducían máis novidades, que non teñen por que coincidir coas máis populares. Así, nas votacións do público a rede social a grande escala gañadora foi Netlog, seguida de Platinum Lounge, mentres que na selección de blogueiros foron Twitter e Facebook, como finalista.
No apartado de fotos, o premio foi para ipernity, seguido de TinyPic, nos votos do público, e Flickr e Picasa nos dos blogueiros, mentres que no de vídeos foron ffwd e YouTube, no primeiro caso, e YouTube e Vimeo, no segundo, os elixidos.
De entre os premiados podemos salientar The Star Tracker, rede mundial de talentos portugueses, que levou o premio popular á mellor rede social especializada, ou o blog de Pérez Hilton (Mario Armando Lavandeira), de ascendencia galega, no apartado de lercheo elixido por blogueiros.