Despois de dous meses, o Consello de Administración atopa a substituta de Jerry Yang.
Carol Bartz / Autodesk
Yahoo! xa lle atopou substituta a Jerry Yang. O seu até agora director executivo anunciara en novembro de 2008 que abandonaba o cargo para volver ao seu antigo posto. O seu posto ocuparao Carol Bartz, de 60 anos e que levaba 16 anos traballando en Autodesk.
O Consello de Administración da empresa anunciou que a incorporación se efectuará de xeito inmediato. Tamén cualificou a Carol como "idónea" e a única persoa que pode levar Yahoo! ao seu máximo potencial. De feito, non se lle ofreceu o posto a ningunha outra persoa.
Bartz recoñeceu os "enormes desafíos" aos que se enfrontou no último ano a súa nova empresa pero dixo que ve "unha oportunidade inmellorábel de crear valor engadido". A marcha de Yang do posto vese como unha resposta á súa negativa a aceptar a compra da empresa por parte de Microsoft. Tamén anunciou a renuncia do seu cargo Susan Decker, presidenta do portal.