O Exército israelí anunciou que está a examinar as queixas recibidas polo uso ilegal de fósforo branco. A OIEA investigará a utilización de uranio empobrecido.
A Autoridade Nacional Palestina (ANP), contolada por Al Fatah, constituíu un Comité Presidencial para preparar denuncias contra Israel por supostos "crimes contra a humanidade" cometidos en Gaza, informan as axencias internacionais.
O Comité está presidido polo ministro de Xustiza palestino, Ali Hassan, e recompila información sobre os ataques contra a poboación civil na Faixa durante a ofensiva israelí, informou unha fonte anónima da Organización para a Liberación de Palestina (OLP).
Uso ilegal de fósforo branco
Por outra banda, a canle británica BBC informa que o Exército israelí está a examinar as denuncias sobre o suposto uso ilegal de fósforo branco durante o ataque. A medida chega logo da presión de numerosos grupos de dereitos humanos e das informacións ao respecto nos medios, e unha vez que se retirou por completo da Faixa.
Nacións Unidas tamén asegura que a súa sede en Gaza foi bombardeada por tres proxectís deste tipo. Segundo as normas internacionais, o uso de fósforo branco só está permitido para crear cortinas de fume no campo de batalla.
Armas de uranio
Mentres, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) confirmou que investigará as demandas de países árabes sobre o uso de armas de uranio empobrecido. O seu uso non está especificamente prohibido, mais é controvertido polo seu alto poder de contaminación dos lugares onde impacta.
A apertura dos pasos fronteirizos aos correspondentes e fotoxornalistas e a emisión de imaxes inéditas está a servir para a apertura e desenvolvemento das pescudas.
Máis de 1.400 palestinos morreron, uns 5.500 resultaron feridos e miles perderon o seu fogar na operación militar israelí, que se iniciou con bombardeos aéreos o 27 de decembro, e que continuou cunha invasión terrestre.