A mostra 'Portas de luz. Unha achega ás artes e á cultura na Galicia dos 70' está comisariada por Alberto González-Alegre.
Trátase dunha mostra colectiva que dará conta da actividade artística e cultural (inclúese ademais de arte, a produción musical, literaria, a banda deseñada, etc) dunha década decisiva na que se fraguan, por unha banda, os alicerces da creación contemporánea e, por outra, un activismo cívico que facía da arte unha ferramenta de loita nos estertores da ditadura franquista para conseguir xerar unha nova dinámica social e cultural que renovase o ambiente dunha ditadura que declinaba. Seoane, Reimundo Patiño, Labra, Leopoldo Nóvoa, Antón Goyanes ou Roberto González serán algúns dos protagonistas da mostra.
A década dos 70 constituíu en toda Europa un momento convulso culturalmente, en que novas formas de cultura popular se mesturaron con modalidades de alta cultura. A efervescencia dos diferentes modos de activismo e a mestura dos medios de executar as producións, o asociacionismo e o colaboracionismo dos contextos, tiveron en Galicia un ambiente especial de desenvolvemento: os cambios políticos e económicos de mediados dos 70, o retorno dos axentes culturais da emigración e a reconstrución de toda unha trama cultural fan fundamental unha revisión, dende o punto de vista da cultura contemporánea crítica, de todo o período dende o máis amplo abano de rexistros.
A nova exposición do CGAC inaugurarase o vindeiro venres 30 de xaneiro, ás oito da tarde, e está comisariada polo crítico de arte e ex director da Fundación Seoane, Alberto González-Alegre.