Antón Paz, campión olímpico de vela na clase tornado, falou con Vieiros sobre o presente e futuro da vela, tanto a nivel de competición como de iniciación.
Antón Paz retocando as velas durante os últimos Xogos Olímpicos
Dende que se instala de xeito definitivo en Vilagarcía, con só 11 anos, a vela comezou a coller cada vez máis peso na vida de Antón Paz. Igual que a maioría de mozos e mozas, Paz comezou navegando nun pequeno barco da clase optimist e foi progresando até ganalo todo na clase tornado. Agora atópase nunha fase de merecido descanso, e aínda non ten moi claro cara onde vai evolucionar a súa carreira.
Cando comezaches a practicar a vela?
Empecei facendo un curso con 11 anos pero naquel momento non me enganchou. Con 14 anos repetín, gustoume e a partir de entón comecei a competir con ganas.
En que momento decidiches adicarte dun xeito máis serio a isto?
De pequeno facía moitos deportes. Até os 18 tamén practiquei o fútbol e o baloncesto. Comecei a tomar a vela máis en serio cando decidín pasarme a unha clase olímpica. A partir dese momento xa o vía como algo máis profesional.
Mais é unha disciplina en que, como deportista, resulta difícil gañar a vida, non é?
Cando tentas conseguir unha medalla debes ter unha dedicación total. Pode ser difícil, porque te fas profesional pero se non tes resultados non consegues vivir da vela. A situación pode chegar a ser crítica.
Non pensas que aínda hoxe a vela segue sendo un coto vedado a parte importante da sociedade?
Depende un pouco do lugar e tamén do tipo de club. En Vilagarcía é un club que non require unhas cotas altas. Eu, por exemplo, non me considero dunha familia de clase alta, simplemente elixín a vela e coido que é unha cuestión de sopesar as posibilidades. Escollín mercar un barco no canto dunha moto para ir ao instituto, como facían outros. No noso país hai cada vez máis conciencia na administración para instar aos clubs a que dean a posibilidade de navegar a xente que non podía. Aquí en Vilagarcía temos un claro exemplo coas escolas municipais, onde lle permitimos a nenos de oito ou 10 anos introducirse durante os últimos catro meses do curso na práctica da vela, e todos os anos chegamos a ter entre 80 e 100 rapaces e rapazas.
Non tes a impresión de que seguen a ser moitos os mozos que non practican, non poden practicar ou en ocasións nin sequera coñecen moito o deporte?
Deportes como o esquí, o golf, a vela e algún outro vanse aproximando cada vez máis ás clases medias da nosa sociedade e iso permite que a xente teña cada vez maior interese neles. Un dos puntos máis importantes é facelos accesíbeis a todos os petos, e penso que estamos no camiño. Ademais, ultimamente estáselle dando cobertura a grandes eventos que se produciron en Galiza ou noutros lugares do estado, e isto tamén axuda a aumentar a curiosidade da xente polo noso deporte.
Antes falabas das escolas municipais que están a triunfar en Vilagarcía. Que outras actuacións están a levar as administracións para fomentar o aumento de navegantes?
No tema das infraestruturas destaca que se vai poñer en breve a funcionar o CGTD, aquí en Vilagarcía. Este espazo estará adicado de xeito concreto á vela, e agardo que se erixa nunha referencia para os equipos do país. Eu penso que este centro vainos permitir, por exemplo, ter un equipo pre-olímpico galego de aquí a dous anos, máis ou menos.
Os teus maiores éxitos deportivos chegáronche acompañados por Fernando Echávarri. Como vos coñecestes?
Coñecémonos pola necesidade de cambiar que tiñamos os dous. Eu navegaba na clase europa e quería dar o salto a unha modalidade olímpica, e Fernando competía en láser, pero estaba un pouco limitado polo seu peso. Non nos coñecíamos pero fomos traballando e o importante foi que tiñamos un obxectivo común: estar nuns Xogos Olímpicos.
Cal é o segredo dos éxitos que apañastes nos últimos tres anos?
A clave estivo no duro traballo feito despois do duro golpe que supuxo quedar en Atenas á porta da medalla. Normalmente, despois duns Xogos Olímpicos a xente toma un largo período de tempo para descansar, mais nós só descansamos un mes e poñémonos a traballar moi duro coa ambición de poder reflectir a nosa calidade. Adestramos forte e iso, unido á experiencia, fixo que subísemos até o primeiro lugar da listaxe mundial e que nos mantivésemos alí durante moito tempo.
Agora a clase tornado deixa de ser olímpica. Cales son así as vosas perspectivas de futuro?
Como parella fáisenos difícil atopar outra clase olímpica. Fernando agora está encamiñando a súa preparación máis cara aos grandes cruceiros, como a Volvo Ocean Race. Eu en troques vou comezar un período de descanso e despois aínda non sei seguro o que farei. Unha posibilidade é navegar na clase 49er, que se adapta bastante a min. Todo sería buscar un patrón de aquí, de Vilagarcía, co que nos compaxinemos ben, e comezar a navegar aproveitando as instalacións coas que contaremos dende comezos do mes que vén.