E en 2050 deberán ser a metade das que se rexistraron en 1990. Un plan ambicioso que require, segundo a Comisión Europea, 175 mil millóns de euros ao ano.
A Comisión Europea presentou esta cuarta feira, oficialmente, a posición que pretende manter nas negociacións que se han desenvolver a nivel internacional en Copenhague a finais de ano, de onde deberá saír unha alternativa ao Protocolo de Quioto.
Neste sentido e para combater con forza as alteracións climáticas e enfrontarse aos novos retos ambientais, Bruxelas entende que é necesario que se invistan 175 mil millóns anuais -os países en desenvolvemento han precisar máis da metade dese montante-, até 2020, para que se reduzan as emisións de CO2. O paquete enteiro de propostas europeas ten os seus alicerces no suposto de que o aumento da temperatura media do planeta non pode ser superior aos 2ºC. Para que se dea isto, é preciso "que as emisións de CO2 a escala mundial acaden o seu máximo en 2020, descendendo, e situándose para o 2050 na metade das rexistradas en 1990", defende a Comisión nun comunicado.
Segundo a proposta europea, os países desenvolvidos, como líderes deste proceso, deberían reducir as súas emisións de gases con efecto invernadoiro até chegar a enviar á atmosfera un 30% menos que enviaban en 1990, xa no ano 2020; o resto de países -os chamados en desenvolvemento-, deberían "limitar o crecemento das súas emisións colectivas un 15-30%. Estes países últimos deben comprometerse a adoptar, até 2011, estratexias de desenvolvemento nas que se rexistren baixas emisións de CO2 nos principais sectores. Esta estratexia debería estar avalada por un novo mecanismo internacional. No relatorio tamén se sinala que é preciso que vaian diminuíndo "rapidamente" as emisións resultantes da deforestación dos bosques tropicais.
Creación dun mercado de carbono
O plan que suceda a Quioto debe, segundo a Comisión Europea, prever un cadro de axuda para que os países se adapten ás alteracións climáticas que son inevitábeis, mais tamén para que elaboren estratexias nacionais para esta adaptación.
Unha das novidades deste paquete creada pola UE será a creación, até 2015, dun mercado de carbono a escala da OCDE, "mediante a ligazón do seu sistema de comercio de licenzas de emisión a outros sistemas comparábeis". Este mercado chegaría ás principais economías "emerxentes" en 2020, pensando xa na creación dun comercio a nivel mundial do carbono.