O presidente de quenda do organismo, Luis Felipe Menezes, insta á inclusión do portugués nas escolas de Galiza.
Luís Filipe Menezes, o segundo pola esquerda
Como "o mellor xeito de formar e lograr a cohesión social" real entre Galiza e o Norte de Portugal, falou este mércores o alcalde de Vila Nova de Gaia e presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Luis Filipe Menezes, da necesidade de afondar na conexión lingüística ás dúas beiras do Miño.
Segundo a proposta de Menezes, o galego debera ser obxecto de estudo nas escolas de Portugal e do mesmo xeito o portugués debera aparecer no currículo das escolas de Galiza. "A mellor forma de consolidar o entendemento entre Galiza e o Norte de Portugal é mellorar a comunicación", subliñou nese sentido. Menezes, que tamén falou a prol do ensino do español nos centros escolares lusos, realizou estas reflexións en Guimarães durante a "Conferencia de Cooperación Transfronteiriza de Segunda Xeración". O rexedor portugués anunciou que o goberno local que lidera ten previsto impulsar unha iniciativa piloto nese sentido, e definiu o aspecto lingüístico como "unha materia pendente no ámbito da cooperación transfronteiriza".
No mesmo sentido, Luís Domínguez, director do servizo de Estudios do Eixo Atlántico e titular da cátedra Jean Monnet da Universidade de Vigo, referiuse á desaparición das "fronteiras físicas" pero ao mantemento de "barreiras administrativas e xurídicas" e do mesmo xeito "barreiras mentais e psicolóxicas que tampouco desapareceron". Como instrumento prioritario para eliminar esas barreiras, Domínguez receita "coñecemento". "É a única forma de acabar cos tópicos", indicou. "A cooperación é o primeiro paso decisivo para eliminar as barreiras mentais e se non somos capaces de derrubar estas, dificilmente podemos cooperar", agoirou.
"Para unha sociedade cantas máis linguas coñeza mellor, é máis cultura, son máis posibilidades e máis oportunidades", afirmou, felicitando a proposta de Menezes. No mesmo sentido, Luís Domínguez alertou contra dous problemas para a relación lingüística entre Galiza e Portugal, laiándose de que existisen durante tempo prexuízos froito de mentalidades "reduccionistas" que "levaron a pensar que o portugués non vale para nada" e advertiu tamén contra o rexeitamento ao estudo do portugués "dos que lles parece que non necesitamos o portugués porque xa nos entenden".