Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENQUISA

Un estudo revela que os titulados universitarios no curso 2005/06 cobran de media 1.175 euros

O 71% dos mesmos están a traballar e tardaron unha media de cinco meses en acceder ao mercado laboral.

Europa Press - 18:30 14/02/2009

Un estudo sobre inserción laboral en Galiza, elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, asegura que o 71 por cento dos titulados nas universidades galegas na promoción 2005-2006 está a traballar na actualidade e cobra de media 1.175 euros.

 O informe foi presentado este sábado polo director da axencia, Xulio Abalde, e o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario, Xosé Ramón Leis, no marco do Forum Orienta 2009: Mostra do Ensino Superior, que dende o pasado día 11 recibiu na Coruña a visita máis de 20.000 alumnos, educadores e familias.

 A análise fixa en cinco meses e medio a media de tempo que tarda un universitario galego en atopar o seu primeiro traballo. Ademais, sinala que Enxeñaría e Arquitectura son as especialidades cun nivel superior de empregados --79 por cento--, seguidas por Ciencias da Saúde --74 por cento--. Tamén indica que un terzo dos titulados opta por continuar os seus estudos con outras titulacións, programas de terceiro ciclo ou postgraos, e unha cuarta parte decide preparar oposicións.

 En canto aos niveis de ingresos, as tres carreiras con máis saídas son tamén as mellor remuneradas, con 1.363 euros (Enxeñaría e Arquitectura) e 1.301 euros, (Ciencias da Saúde).

Un 63,3 por cento dos titulados recibe máis de mil euros, mentres que un 5,6 por cento gaña menos de 500. Destaca a diferenza por sexos, sendo superior o salario medio nos homes (1.241 euros) que nas mulleres (1.134).

Contactos

Segundo conclúen os propios licenciados (traballouse cunha mostra de 5.362 persoas), as principais vías de colocación son os contactos persoais, familiares ou amizades. Tamén contan as candidaturas persoais e as buscas por internet.Para a obtención dun emprego, o factor máis valorado é a mobilidade xeográfica. Outros aspectos relevantes son a experiencia laboral relacionada ou unha actitude positiva durante a entrevista, mentres que os aspectos que menos se valoran son o expediente académico, a reputación do centro universitario e a especialización no título, por esa orde.

Por outra banda, a enquisa mide as competencias máis valoradas no proceso de busca de emprego, que son a motivación, as capacidades de aprendizaxe e de resolución de problemas, unha correcta forma de expresión oral e escrita, así como a asunción de responsabilidades e a toma de decisións.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: