A segunda economía mundial está a rexistrar o seu maior retroceso dende 1974 logo de que o seu PIB caese un 12,7% entre outubro e decembro.
A ameaza de deflación planea sobre a economía nipona. Logo do constante crecemento vivido nas últimas décadas, o seu Produto Interior Bruto (PIB) está a sufrir a súa maior contracción dende 1974: no último trimestre de 2008 caeu un 12,7% en taxa interanual e un 3,3% con respecto ao trimestre anterior. A principal causa é o forte descenso das exportacións por mor da caída do consumo nos Estados Unidos (EUA), que era até o de agora o seu principal socio comercial.
As compañías xaponesas de automóbiles e electrónica de consumo viron baixar as súas vendas tanto nos EUA como en Europa, ao tempo que tamén se resentiu da crise o consumo interno. Como unha cadea de elos, o ien reaccionou cunha forte revalorización fronte á moeda estadounidense (por mor de rumores das intencións do goberno de debilitar a divisa). Tamén, a caída das exportacións provocou a supresión de emprego por parte das grandes compañías xaponesas (Panasonic, Pioneer, Nissan e NEC xa anunciaron o recorte de 65 mil postos de traballo no último mes).