Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Estrea ESTE SÁBADO NA CORUÑA

'Giseliña', a última (ou a derradeira?) obra do Centro Coreográfico

A partir do coñecido ballet 'Giselle', Cisco Aznar introduciu elementos da tradición galega. O PP foi moi crítico coa creación da entidade.

M.S.P. - 11:00 07/03/2009

O Centro Coreográfico Galego (CCG) estrea Giseliña este sábado 7 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A nova produción propia da entidade está dirixida polo coreógrafo Cisco Aznar e coproducida co teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia. As funcións serán o sábado ás 21h e o domingo ás 19h. Despois da estrea na Coruña, Giseliña representarase durante os meses de marzo, abril e maio nos escenarios de Santiago de Compostela, Narón, Vigo, Cangas, Rabat, Tetuán, Puertollano, Xixón, Murcia, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Badalona e Tui. Giseliña é a terceira produción do CCG, despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván.

O Partido Popular amosouse moi crítico ao comezo da pasada lexislatura co proxecto de creación do Centro Coreográfico Galego e coa supresión do Ballet Rey de Viana. Aínda en 2006, cando o CCG estaba preparando a súa primeira produción,o PP denunciaba que a Xunta ía prescindir do labor de formación, divulgación e produción propia relacionada cos coreografía tradicional de Galiza, que viña desenvolvendo o Ballet Galego Rey de Viana, e que pola contra, o Centro Coreográfico limitaríase a contratar produción allea e modelos artísticos importados. "Visto friamente, chégase á conclusión de que a consellaría de Cultura presenta un complexo de inferioridade, que se avergoña do rico legado cultural da danza galega e que, por iso, prefire pechalo nun caixón, para dar paso a montaxes foráneos cos que Ánxela Bugallo parece sentirse máis cómoda", afirmaba naquela altura Carlos Negreira.

Ao longo da lexislatura os populares rebaixaron o ton das súas críticas e no programa electoral co que se presentaron ás eleccións do 1 de marzo non se dicía unha soa palabra sobre a danza galega e sobre o CCG en particular, aínda que si se recuncaba nas críticas pola supresión do Rey de Viana. Polo tanto, ignórase cal é o futuro do Centro Coreográfico Galego. Na roda de prensa na que se presentou a obra, Luís Lara, encargado da escenografía, afirmou que se trata dunha proposta "moi interesante, que tería que continuar a pesar de que as cores cambien" xa que sería "unha pena" que se perdese este proxecto, unha das iniciativas estrela da xestión en Cultura do bipartito.

A obra: amor e morte, tradición e vangarda
Cisco Aznar asina unha adaptación moi libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña. Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.

Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: