O de Teo foi de menos a máis na carreira para rematar sexto na clasificación xeral, sendo partícipe da importante melloría que experimentou o equipo.
Os días de competición comezan a facerse notar nos ciclistas do Xacobeo Galicia e na pasada Vuelta a Murcia xa puidemos ver as camisolas do equipo profesional galego nas primeiras posicións da carreira. O mellor clasificado, tal e como lle corresponde ao seu rol, foi Ezequiel Mosquera que rematou na sexta posición da clasificación xeral e estivo nas posicións dianteiras da principal etapa de montaña. A vitoria final foi para o ruso Denis Menchov, do equipo Rabobank.
O director en carreira do Xacobeo, Jesús Blanco Villar, dixo que "o balance do equipo na volta é moi positivo" analizando con satisfacción a melloría dos seus pupilos. Ademais de Mosquera, na rolda murciana destacou Gustavo Veloso, que acadou a 7ª posición na contrarreloxo e rematou 14º na clasificación xeral. A posición final de Veloso podía ter sido ben mellor de non ser pola perda de tempo sufrida na primeira etapa por mor dos cortes no pelotón que produciu o vento.
A gran sorpresa do equipo neste inicio de ano está sendo o madrileño Marcos García, que na súa primeira tempada como profesional semella estarse adaptando perfectamente á nova categoría. García acadou unha meritoria 17ª posición na clasificación xeral, contribuíndo así ao cuarto lugar que o Xacobeo ocupou na clasificación por equipos.