O deporte galego ve como aumenta, paseniño, o número de clubs que sofren dificultades económicas, nunha tendencia que ameaza con ter continuidade.
A crise chegou tamén ao deporte /Foto: Flickr (YOYI)
A crise económica mundial estendeuse durante os últimos meses aos diferentes eidos da vida pública e, nesa tendencia, tamén deixou os primeiros pousos no noso deporte. Ao tratarse dunha crise nun sistema de economía especulativa son precisamente os sectores máis dependentes deste modelo os que a sofren en maior medida. E no país, igual que no resto de Europa, aquí o rei é o fútbol e as mastodónticas cantidades de cartos que move.
En Galiza o primeiro club importante en deixar ver os seus graves problemas económicos foi o Celta, que se tivo que acoller á Lei Concursal no pasado mes de xuño. Se ben é certo que a mala situación económica viña arrastrándose por mor duns anos nos que as inversións superaban amplamente os ingresos, o detonante foi a continuidade do equipo na segunda división, precisamente nunha época en que as primeiras nubes da crise financeira empobreceron a principal fonte de ingresos dos equipos: o mercado publicitario.
O Celta acolleuse á Lei Concursal e comezou unha tempada na que os problemas deportivos están deixando nun segundo plano aos económicos. Comezou unha tempada na que lle tocou a outros reclamar aquilo que lles correspondía, como é o caso do Cidade de Santiago. Os xogadores deste equipo compostelán tardaron ben pouco en ter problemas económicos que aínda se alargan até a actualidade. Outro caso soado foi o dun histórico como o Ourense, ao que a falta de cartos obrigou no pasado mes de xaneiro a prescindir de seis dos seus traballadores, desfacéndose así da estrutura profesional que o club arrastraba dos tempos na segunda división estatal.
Outros deportes
Noutras disciplinas tamén atopamos exemplos das fochancas producidas pola falta de diñeiro, como é o caso do equipo de ciclismo profesional galego. Aquí estes efectos non foron tan grandes porque a administración pública (Xacobeo) ponderou o valor social e simbólico da entidade para a sociedade galega e decidiu substituír ao patrocinador privado (Karpin) cando este se retirou.
O outro exemplo de actualidade é o dun club histórico do noso deporte: o Teucro de Pontevedra, que milita na primeira división estatal de balonmán pero os seus xogadores levan tempo tendo problemas para cobrar o que se lles estipulou no contrato. Esta tensa situación, que tamén se arrastra dende o verán, incluso levou aos xogadores a facer unha folga semanas atrás. Unha situación moi semellante a esta vivírona durante esta tempada os xogadores doutro histórico do noso deporte: o Club Ourense Baloncesto. Igual que fixeron os xogadores do Teucro, os do COB chegaron a convocar no pasado mes de febreiro unha folga para reclamar o pago das mensualidades que se lles debían.
Estes son só algúns dos exemplos experimentados na elite deportiva dunha situación que, evidentemente, tamén abrangue a equipos que se moven en radios periféricos do profesioanlismo. Malia que estes equipos non dependen tanto da publicidade, é certo que no seu caso a marxe de manobra económica é pequena, polo que canto máis empeore a situación global, máis se estreitara a soga que agarima o seu pescozo. Por desgraza, no negro panorama que a economía chantou diante nosa, no deporte, son as pequenas entidades as que semellan estar á caída polo que sería normal atoparnos no futuro cun goteo de pequenos clubs con severos problemas para subsistir.