As contratacións indefinidas reducíronse nos últimos meses. Ademais, os galegos son, xunto cos asturianos, os que fan máis horas extras sen cobrar.
Se a situación laboral non é precisamente boiante, a dos mozos deixa tamén bastante que desexar. Así o demostra o último estudo do Consello da Mocidade de España (CJE), do que se tiran datos como que o 55,3% dos galegos menores de 30 anos teñen un contrato temporal, isto é un total de 127.193 persoas. A porcentaxe é superior á da media estatal (50,8%) e supera a taxa de temporalidade dos galegos en todas as idades (31,7%).
A estatística revela ademais outro dato para a análise: a precariedade é aínda maior na mocidade que traballa para as diferentes administracións: a contratación indefinida é máis frecuente na empresa privada (a temporalidade é do 53,1%) que no sector público (o 74,5% dos contratos asinados son temporais). Ademais, se comparamos estes datos cos do Estado Español observamos que Galiza é a cuarta comunidade con menos fixos (o 44,7%), o que supón catro décimas e media menos que a media estatal.
Unha temporalidade que aumenta
Doutra banda, os contratos indefinidos redúcense a ritmo acelerado. Unha mostra: os asinados no terceiro trimestre do ano 2008 foron un 3,3% menos que os rexistrados no mesmo período de 2007. Ademais, en Galiza temos menos contratacións temporais por circunstancias da produción que a media española, se ben ten unha porcentaxe máis alta noutros tipos de temporalidade.
As mulleres son as que peor paradas saen do estudo, xa que no terceiro trimestre do ano pasado un total de 65.765 homes tiñan un emprego eventual (o 54,4%), fronte ás 61.429 mulleres que estaban na mesma situación de precariedade (56,3%). Do mesmo xeito, tamén medra a precariedade entre os universitarios (un 56% ten contrato temporal) e entre a poboación extracomunitaria (só o 34,7% está indefinido).
Máis horas extras
Xunto cos asturianos, os galegos son os mozos que fan máis horas extraordinarias. Os menores de 30 anos realizan unha media de 8,1 horas extras semanais que non son abonadas polas empresas, un pouco menos que as 8,8 horas de media que se fan no Estado.
Se falamos de xornadas, os homes asinan máis contratos a tempo completo (un 92%) que as mulleres (un 82,1%). Ademais, dos mozos, só un 7,9% ten un contrato a tempo parcial, mentres que este tipo de relación laboral está asinada por un 17,9% das mozas. Doutra banda, tamén chama a atención a alta porcentaxe da mocidade que descoñece o tipo de vencello contractual coa súa empresa (o 10,8%) e o elevado porcentaxe que conta cun contrato de formación ou aprendizaxe (5,8%).
O estudo conclúe que "a temporalidade segue caracterizando de xeito claro e patente as condicións de emprego para os mozos galegos" e exixe a posta en funcionamento de políticas que incidan de xeito efectivo na consecución de empregos estábeis e dunha economía máis produtiva.