A protesta pola caída do prezo do leite e a esixencia de medidas ao goberno español levou dous milleiros de gandeiros á cidade herculina.
A voz dos gandeiros escoitouse forte e unánime este luns n'A Coruña. Houbo consenso ademais á hora das reivindicacións fundamentais entre as principais forzas sindicais do país. Unións Agrarias (UUAA), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA) coinciden en advertir sobre a urxencia de medidas que freen a caída dos prezos do leite e a necesidade de introdución dun marco regulamentario que fixe prezos mínimos. Ás demandas uniuse este luns a voz da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. Con esa fin, á porta da sede da delegación do goberno español en Galiza, milleiros de produtores xuntáronse para subliñar as esixencias do sector lácteo galego. A protesta coincide coa xuntanza en Bruxelas de ministros de Agricultura da Unión Europea.
"Non poden seguir tratando os gandeiros como moeda de cambio para escaparen da súa responsabilidade de regular unhas prácticas comerciais inmorais que permiten deixar o leite sen recoller nun país deficitario en produción", reprocha Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. O líder desta formación censura especialmente que Galiza se converta "no sumidoiro dos excedentes de leite francés".
Ademais, o malestar no sector é grande pola propia negativa do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, coa ministra ourensá Elena Espinosa á fronte, a recibir os representantes sindicais antes desa reunión en Bruxelas. Entenden as formacións que se trata dun exemplo máis da "pasividade" do executivo estatal fronte á situación. A este respecto, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, chama a atención sobre o paradoxo de que fose o ministro de Agricultura alemán, "e non a ministra española" quen puxo na mesa como cuestión central "o tema do prezo".
Complicado futuro para moitas explotacións
"Non é un asunto que se lle poida deixar ao libre mercado", advirte Freire. Unha cuestión na que coincide Roberto García, quen acusa a administracións e a industria de facilitaren a colocación dos excedentes franceses en perxuízo do sector leiteiro galego. Segundo debullan as formacións sindicais, os gandeiros franceses reciben 0,32 euros por litro, mentres que os galegos reciben 0,28 euros, cantidades que non cobren os custos de produción. "O leite que se paga en Francia a 32 céntimos non pode estar aquí a 16 céntimos", apuntan os gandeiros, denunciando que se está vendendo por baixo dos custos de produción. Na altura de 2007, eses custos acadaban xa para os produtores unha media de 37 céntimos.
Desde Xóvenes Agricultores, o secretario xeral do colectivo, Francisco Bello, realizou unha pesimista avaliación, ao agoirar que ,de non haber unha viraxe no escenario actual, pecharán arredor de 4 mil das actuais 13 mil explotacións gandeiras que existen en Galiza. Malia a gravidade da situación, a industria estaría exercendo unha belixerante presión sobre o sector, coa anuencia das administracións, segundo acusan os sindicatos. "Chantaxean e ameazan con non recoller o leite"; láiase Hixinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas. Os representantes dos produtores insisten en que se os gobernos queren é posíbel o deseño dun plan estratéxico para o sector que favoreza a todas as partes e convidan o empresariado a unírense a unha fronte negociadora coas administracións. "Non hai un problema de modelo de explotación, nin de competitividade, senón de relacións comerciais", analiza Mougán.