Os manifestantes tentaron entrar á cidade para lles exixir "lealdade" ao Estado de Israel. Por outra banda, os laboristas poderían entrar no goberno israelí.
A Policía arrestou varias persoas
Centos de ultradereitistas israelís enfrontáronse este martes con veciños de Umm al-Fahm, unha das cidades con máis poboación árabe no Estado de Israel, cando tentaban entrar na localidade. Os segundos permanecían apostados á entrada da cidade dende a madrugada para lles impedir o acceso.
A policía decidiu formar un retén co fin de evitar un choque directo entre ambos os dous bandos, e finalmente interveu lanzando gases lacrimóxenos cando uns e outros comezaron a se tirar pedras e outros obxectos.
Os ultradereitistas acusan os árabes de Umm al-Fahm -situado na fronteira de Israel co norte de Cisxordania- de apoiar os movementos independentistas palestinos; esíxenlles "lealdade" ao Estado por viviren dentro do seu territorio.
Novo membro no Goberno de coalición israelí
Por outra banda, o primeiro ministro designado e líder do Likud, Benjamin Netanyahu, e o ministro saínte de Defensa e líder do Partido Laborista, Ehud Barak, chegaron este martes a un acordo previo de goberno, que aínda deberá ser ratificado pola executiva laborista, en plena fractura.
O pacto outórgalle cinco ministerios ao partido de Barak e obriga a continuar coas negociacións de paz, segundo informaron os medios de comunicación israelís e as axencias internacionais. Anteriormente, Netanyahu xa chegou a un acordo co partido de estrema dereita Yisrael Beitanu.