A Plataforma Galega Antitransxénicos denuncia a descoordinación das institucións e o seu descoñecemento sobre o tema.
Será o vindeiro sábado 18 de abril en Zaragoza. Case un cento de organizacións de todo o Estado, entre as que se atopan a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) defenderán o dereito das persoas a unha alimentación saudábel, rexeitando o negocio dos organismos manipulados xeneticamente. O lema da marcha será "Por unha alimentación e agricultura libre de transxénicos" e a organización galega porá a disposición dos interesados autobuses de balde que sairán dende Santiago de Compostela.
A PGA anima os galegos a sumárense a esta protesta e denuncia "descoordinación por parte das institucións públicas", ao tempo que aseguran que os responsables públicos en moitos casos "descoñecen as funcións que teñen que exercer para defender correctamente o medio ambiente". Nesta liña, unha das voceiras da organización, Montse Valencia, acusou á Consellaría que dirixiu na última lexislatura Manuel Vázquez de "reiterados incumprimentos" no seu cometido de preservar o entorno e lamentou a falta de transparencia.
Sen información exacta sobre as leiras transxénicas galegas
A Plataforma recorda que xa remitiu escritos ás consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural para que ofrecesen información sobre a situación exacta das parcelas nas que se introduciron estes cultivos en Galiza, sen recibir contestación até o de agora. Ante esta situación, formalizaron unha queixa ante o Valedor do Pobo pola falta de resposta. Dende o colectivo lamentan esta actitude e lembran unha sentenza do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas que recoñece que "non se pode manter en segredo a información que realice unha descrición global dos organismos manipulados xeneticamente, nin a súa finalidade, nin o lugar de liberación, nin os usos, métodos ou plans de emerxencia e avaliación de riscos".
Malia que, de momento, non é posíbel saber con exactitude onde e cantos produtos transxénicos se están a producir en Galiza, a PGA xa presentou alegacións contra a autorización concedida polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) para a realización de ensaios con millo manipulado xeneticamente en cinco concellos galegos: Arzúa, Ribeira, Mesía, Vilalba e Chantada.