Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
O PRAZO REMATA O 4 DE MAIO

Convocada a terceira edición do concurso literario "Contos no Mediterráneo"

O certame, dirixido a estudantes de galego ou portugués nos territorios de fala catalá, conta cun primeiro premio de mil euros.

Lectorado de Galego na UAB - 22:00 19/04/2009

O Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona, o Instituto Camões de Barcelona e mais o Espazo Galego dos Països Catalans organizan a III edición do concurso literario Contos no Mediterráneo, dirixido a aquelas persoas que estudaron ou están a estudar galego ou portugués nalgún dos territorios de fala catalá.

Consta de dúas categorías con tres premios dada unha. A Categoría A, para menores de 18 anos, ten un primeiro premio consistente nun iPod nano e un lote de música, libros e camisolas; e a Categoría B, para maiores de 18 anos, está dotado cun primeiro premio de 1.000 euros. Para participar cómpre presentar un relato escrito en galego ou en portugués cunha extensión de entre 1.000 e 2.500 palabras. Na categoría de menores de 18 anos, alén de relatos, tamén se poden presentar poemas ou banda deseñada.

Na valoración dos textos o xuri dará prioridade á calidade e á creatividade literaria por riba da corrección lingüística.

O prazo de presentación de orixinais remata o 4 de maio e o acto de entrega dos premios será o 29 de maio no Centro Galego de Barcelona. Pódense descargar as bases completas e as follas de inscrición no web do certame Contos no Mediterráneo.

Os textos premiados serán publicados en Vieiros Barcelona, que este mes publicará os textos gañadores do certame no ano pasado.


III Edición do Certame Literario Contos no Mediterráneo

Prazo de entrega: 4 de maio de 2009

Organiza: Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona | Instituto Camões | Espazo Galego dos Països Catalans.

Colabora: Rede.cat | Maio Cultural Galego

Patrocinan: Centro Galego de Barcelona, Sargadelos, Casa Darío, Instituto Camões, Edicións Xerais, A Nosa Terra, Edicións Laiovento, Obradoiro, OQO Editora, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: