As enquisas danlle a vitoria ao African National Congress, o partido de Nelson Mandela. A súa escisión, Congress of the People, ten tamén un apoio importante.
Esta cuarta feira desenvolveranse en Sudáfrica as eleccións máis competitivas dende a fin do Apartheid, en 1994. As enquisas danlle unha vitoria ao partido de Nelson Mandela, African National Congress (ANC, Congreso Nacional Africano), dirixido por Jacob Zuma. Mais a súa escisión, Congress of the People (COPE, Congreso do Pobo), ten tamén un apoio importante.
Para Zuma, estas son as eleccións "máis apaixonantes" dende que o ANC chegou ao poder, no 94. Se gañase, substituiría a Kgalema Motlanthe, tamén do ANC, que preside o país dende a dimisión de Thabo Mbeki, en 2008. Segundo as enquisas, o partido de Zuma gañaría por unha marxe moi ampla, mais, con todo, o COPE é un contrincante firme que podería ter gañado moitos votantes e podería poñer en perigo a hexemonía do partido de Zuma. En novembro, o COPE gozaba dun apoio notábel, mais en campaña os traballos que tivo que pasar o seu líder, Mvume Dandala, para gañar a opinión pública foron considerábeis, xa que se trataba dun político practicamente descoñecido.
A maior parte dos analistas prognostican a vitoria do ANC, mais falan dunha competición en segundo plano entre o COPE e a Democratic Alliance (DA, Alianza Democrática), partido liderado por Helen Zille, a alcaldesa de Cidade do Cabo, que foi, nos últimos anos, o partido da oposición.
Nestas eleccións están chamados ás urnas 23 millóns de cidadáns e cidadás de Sudáfrica. Haberá máis de catro mil observadores locais e 153 estranxeiros que velarán polo cumprimento das normas.
Máis información nos xornais sudafricanos: